OurenseÚltima hora

Ourense alumearase de Nadal este venres, 1 de decembro

A programación para as festas conta con máis de 230 actividades e as compras terán premio
A presentación foi no Salón de Plenos do Concello. // Foto: Carlos Asensio.

A iluminación de Nadal de Ourense acenderase este venres, 1 de decembro. O acto de acendido farase dende a Praza Maior da “capital do Nadal de todo o Noroeste de España”, así describiu o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, á cidade na presentación de hoxe, 29 de novembro, da programación para as festas. O acendido vaise producir ás 19:15 horas e estará acompañada pola música de Capela Madrigalista.

Seguidamente, o 2 de decembro, vaise producir o alumeado especial na zona das Burgas, concretamente ás 19:30 horas, e contarán cun concerto de Marem Ladson.

Segundo asegurou o rexedor, este programa “está dedicado a toda a familia, pero especialmente aos pequenos da casa”. En concreto desenvolveranse, segundo as cifras achegadas polo rexedor, máis de 230 actividades durante un mes. Entre elas, haberá máis de 40 actividades musicais coa que “se achegará a música aos barrios” e 33 espectáculos de teatro, “como a MOTI -Mostra de Teatro Infantil- xa tradicional nestas datas”, dixo Vázquez. A todo isto hai que sumar 80 actividades de rúa e o “videomapping”, o espectáculo de luz e proxeccións na fachada do Concello, que se vai celebrar os días 22, 29 e 4 de xaneiro en dous pases, ás 20:00 e ás 21:00. “Este ano este espectáculo vai traer unha grande sorpresa para todos”, anunciou Jesús Vázquez.

O deporte tampouco será alleo ao Nadal, xa que dende o Concello preparan máis de 25 actividades “entre as que está a Cabalgata de Auga e a San Silvestre, así como o Trofeo Inaugural da Pista de Atletismo”. Sumado a conferencias con Papá Noel dende Laponia na Molinera. “Todas estas actividades tamén están pensadas para a conciliación, xa que as Bibliotecas e os Centros Cívicos farán tamén actividades durante as vacacións”, asegurou o rexedor.

Dinamización do comercio local

Dende o Concello tamén impulsarán o comercio local coa celebración dun mercadiño de antigüidades, o 17 de decembro na Praza Maior. Asemade “mercar terá premio”, reiterou o alcalde, xa que entre as persoas que gasten máis de 10 euros no comercio local durante o Nadal “poderán entrar nun sorteo dunha viaxe a Disneyland París ou ao Parque Warner, unha xornada no balneario Caldaria Spa e ceas en restaurantes da cidade”. Para entrar no sorteo, os que merquen recibirán unha bóla de Nadal na que os consumidores porán os seus datos e as teñen que depositar nos diferentes buzóns presentes en distintos puntos da cidade.

A todo isto hai que sumar o concurso de escaparates e que van repartir 1.500 bolsas promocionais nos diferentes establecementos ourensáns.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button