OurenseÚltima hora

Ourense celebra a Semana da Mobilidade a partires do domingo

O Concello promoverá o uso do transporte público e da bicicleta con charlas, obradoiros, contacontos, buses gratuítos e unha marcha polo centro da cidade
O xoves 22 os buses urbanos serán gratuítos, dentro da Semana da Mobilidade. // Foto: S.F.
O xoves 22 os buses urbanos serán gratuítos, dentro da Semana da Mobilidade. // Foto: S.F.

A partires do vindeiro domingo 18, Ourense sumarase á celebración da Semana da Mobilidade para concienciar sobre o uso do transporte público ou de medios sostibles como a bicicleta. Para iso, o Concello porá en marcha un amplo programa de actividades que inclúen charlas, obradoiros, contacontos, unha marcha pola cidade e buses gratuítos o día 22.

A programación iniciarase o día 18, cun corte programado de tráfico entre as 10 e as 14 horas dende a Praza de Concepción Arenal, pola Rúa Pardo de Cela, até a rotonda da entrada da Ponte do Milenio. Por este tramo discorrerá a primeira edición da Marcha unificada pola Mobilidade do Concello de Ourense, prevista para as 11 horas. Os medios para realizala son amplos e diversos: dende bicicletas até patinetes, patíns ou a pé.

Con posterioridade á marcha, esas rúas servirán de escenario para levar a cabo obradoiros de papiroflexia e xogos para os máis pequenos, talleres de reparación de bicicletas ou exhibicións deportivas.

A partires do luns 19, as actividades trasládanse aos centros educativos. Así, ese día a partires das 10:30 horas haberá un taller de reparación de bicicletas para nenos de 5º e 6º de Primaria no Couto. O martes 20, será en San Pío X, o mércores 21, no Amadeo Barroso, e o xoves 2, en Manuel Sueiro.

Por outra banda, o martes e o xoves a partires das 18:30 horas haberá un contacontos nos Xardíns do Padre Feijóo e na Alameda, respectivamente, que servirá para concienciar a todos os públicos sobre o uso do transporte público e a necesidade de buscar alternativas ao coche para desprazarse pola cidade. As historias terán unha duración aproximada de 40 minutos.

O mércores 21, ás 10 horas, haberá unha charla para escolares na Aula da Natureza de Oira, impartida por Marcos Tesouro, doutor en Ciencias Físicas, baixo o título “Cambio climático: definición, consecuencias e que facer para mitigalo”. Ao día seguinte, os obradoiros voltan á Praza Maior, entre as 10 e as 13 horas.

Ademais, na xornada do xoves 22 os buses urbanos serán gratuítos por cortesía da empresa concesionaria de transporte Urbanos Ourense. Un xeito máis de conmemorar o Día Europeo Sen Coche.

Esta programación conta coa colaboración dos departamentos municipais de Educación, Medio Ambiente e Transporte, Tráfico e Deporte, a Xefatura Provincial de Tráfico de Ourense e as asociacións STOP Accidentes e PAT Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button