A cidade de Ourense celebrará este domingo, día 5 de maio, a tradicional Festa dos Maios, cunha programación de actividades organizadas pola Concellería de Artes e Festexos que se estenderán durante toda a xornada no centro da cidade. Os maios exporanse ao público na rúa do Paseo, onde tamén se cantarán as coplas. As principais novidades da programación deste ano son a confección dunha alfombra floral, un obradoiro de coroas e colares para nenas e nenos, e un concerto de fados, a cargo de María do Ceo, que terá lugar ás 20.00 horas, na Praza Maior.
Un ano máis, o Concello premiará a través dun concurso as mellores coplas e maios que participen nesta edición desta tradicional festa, declarada de interese turístico, que lle dá a benvida á primavera. Outorgaranse premios aos 3 mellores maios artísticos, enxebres e infantís e un premio ao mellor maio creativo (categoría que se recupera este ano). Tamén haberá galardóns ás 3 mellores coplas nas categorías de persoas adultas e infantil. Todos os maios presentados recibirán tamén unha axuda por participar.
PROGRAMA
- 8:30 horas, confección dunha alfombra floral por parte da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, na praza de Euxenio Montes.
- 10:30 horas, confección en vivo de coroas e colares para a cativada na rúa do Paseo.
- 11 horas, exposición dos maios participantes nos primeiros tramos da rúa do Paseo.
- 11 horas, ruada dos xigantes e cabezudos do Concello acompañados de gaiteiros tradicionais.
- 12 horas, comezo do canto das coplas ao pé dos maios participantes no concurso.
- 19 horas, entrega de premios aos maios e canto das coplas gañadoras na praza Maior.
- 20 horas, fados con María do Ceo na praza Maior.