OurenseÚltima hora

Ourense e Folgoso do Courel, entre os escenarios do Festival Atlántica

Celebrarase do 1 ao 11 de xullo con 82 funcións repartidas en 27 concellos e "reinventándose para demostrar que a cultura é segura"

Presentación do IX Festival Atlántica./ Cedida.

 

O IX Festival Atlántica vén de presentar neste 15 de xuño o seu programa, que se desenvolverá entre os días 1 e 11 de xullo. Unha trintena de artistas actuarán nas 82 funcións previstas, que se deslocalizarán en 40 sedes repartidas en 27 municipios das catro provincias galegas, entre as que figuran a cidade de Ourense e Folgoso do Courel. O encontro desenvolverase por primeira vez no verán e ao aire libre, con boa parte dos espectáculos en espazos de gran valor patrimonial espallados por toda Galicia. “Este grao de deslocalización vai achegar o encontro ata un público potencial de máis de 400 mil persoas grazas ao esforzo e ao traballo en rede dos concellos, fundacións e asociacións participantes”, segundo os promotores do festival.

Ao longo de once días vanse xuntar en Galicia contadores de Guinea Ecuatorial, Brasil ou Portugal, pero non faltarán voces nacionais procedentes de Zamora, Salamanca, Cataluña e, por suposto, Galicia. Algúns dos nomes que configuran o cartel deste ano son Thoma Bakk, Marcelo Ndong, Sofia Maul, Eugenia Manzanera, Pep Bruno ou José Luis Gutiérrez “Guti”. A nómina de contadores complétase cunha trintena de artistas galegos nos que figuran, entre outros, Quico Cadaval, Celso Sanmartín, Paula Carballeira, Cándido Pazó, Charo Pita, Avelino González, Raquel Queizás, etc.

“Eles serán os artífices duns espectáculos pensados para todos os públicos, desde bebés ata adultos pasando pola mocidade. Volverán os itinerarios narrados pola cidade vella de Santiago e o binomio música e contos que tan boa acollida tivo noutras edicións pero fiel ao espírito innovador de Atlántica, apostarase por las actividades literarias e tamén polo cine”, segundo a organización.

 

 

Estas propostas dábanse a coñecer nunha rolda de prensa na que participaban Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Manuel González, alcalde de Outes; Manuel Campos, alcalde de Cuntis; Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra do Caramiñal; María José Sampedro, primeira tenente de alcalde e concelleira delegada de Cultura, Infraestruturas e Urbanismo de Santiago de Compostela; Antonio Golpe, concelleiro delegado da Área de Cultura de Ferrol; Mayte Argibay, concelleira de Cultura de Teo; Begoña Blanco, concelleira de Cultura de Lalín; Alberto Álvarez, técnico de Cultura do Concello de Brión; Paz Lago, concelleira de Cultura e Educación de Sanxenxo; Jesús Torres, director da Biblioteca Pública Ánxel Casal; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica. Ademais, tamén acudiron á rolda de prensa numerosos representantes de asociacións e colectivos colaboradores do festival.

Outra das novidades desta edición son os espectáculos itinerantes programados ao longo do camiño de Santiago. Por unha banda, o catalán Pep Bruno realizará o camiño francés a pé e no seu transcurso brindará tres funcións programadas e outras tantas espontáneas. Por outra banda, o galego Avelino González fará o mesmo polo camiño portugués. Cando ambos os dous artistas cheguen a Santiago de Compostela, a Colexiata do Sar acollerá unha función conxunta titulada ‘Historias de andantes” que será o epílogo da súa peregrinación cuentera.

Máis información:http://festivalatlantica.gal

Artigos relacionados

Back to top button