SanidadeÚltima horaVídeos

Ourense e Lugo, as provincias galegas cun maior crecemento en doazóns de sangue

Neste 14 de xuño conmemórase o Día Mundial do Doador de Sangue co lema "Doa sangue para que o mundo sexa un lugar máis saudable"

 

Solidariedade e xenerosidade. Con estas dúas palabras refírese a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) aos doadores galegos no marco da celebración neste 14 de xuño  do Día Mundial do Doador de Sangue. Nesta ocasióin o seu lema é “Doa sangue para que o mundo sexa un lugar máis saúdable” para a campaña “O sangue seguro salva vidas”, co obxectivo de transmitir a necesidade de potenciar o xeneroso xesto da doazón de sangue como xeito de mellorar a saúde de todos os membros da comunidade.

Ante a imposibilidade de realizar físicamente o habitual acto de conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue 2020, ADOS  quere facer unha homenaxe aos doadores coa emisión hoxe dun vídeo especial (difundido a través das súas redes sociais) e, ademais, facerlles chegar o seu recoñecemento “aos concellos, centros educativos, empresas, irmandades de doantes,…. e a todos os colectivos que día a día, desde hai máis de dúas décadas, teñen contribuído a crear unha conciencia solidaria proclive a doazón de sangue en Galicia”.

 

 

Índice de doazón

Galicia acadou, o pasado 2019, unha cifra de 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, superando o índice de participación que recomenda a Organización Mundial da Saúde e sitúandose dous puntos por riba da cifra acadada no exercicio anterior, segundo ADOS.

As 109.330 doazóns de sangue acadadas en 2019 supoñen un crecemento do 3,1% con respecto ao ano anterior, sendo as provincias de Lugo e Ourense as que rexistraron un maior crecemento, do 13,9% e do 7,3%, respectivamente, a pesar das dificultades sociodemográficas que presentan ambas provincias.

 

Fonte: ADOS.

 

Ademais Galicia acadaba 9.532 doantes novos, cifra que representa un total do 15,1% de doadores do pasado ano e que supón unha importante renovación na base de doadores.

Un total de 82 concellos galegos cumpren coa taxa de doazón da Organización Mundial da Saúde, e os municipios coa taxa de doazón máis alta por provincia son, segundo ADOS: Xinzo de Limia en Ourense, Meira en Lugo, Santiago de Compostela na Coruña e A Guarda en Pontevedra.

 

Fonte: ADOS.

 

ADOS quere tamén facer extensivo, e de xeito, moi especial este agradecemento ás preto de 24.000 persoas que teñen doado sangue desde o pasado 13 de marzo e que permitiron garantir o desenvolvemento da actividade asistencial hospitalaria desde o inicio da crise sanitaria pola COVID-19. “A pesar da situación excepcional que estamos a vivir, son conscientes do valor vital que supón facer unha doazón de sangue”, indica esta entidade.

Artigos relacionados

Back to top button