PolíticaÚltima hora

Ourense en Común e En Marea califican o modelo urbanístico do Concello de “especulativo”

Ambos grupos mantiveron unha xuntanza de traballo para falares da parálise do Centro de Saúde do Couto, entre outros temas

O grupo municipal de Ourense en Común citouse esta mañá con Luís Villares, voceiro do grupo parlamentario de En Marea, que visitou a cidade acompañado dos deputados do seu grupo pola provincia, Davide Rodríguez e Ánxeles Cuña.

O obxectivo de devandita visita foi o de organizar unha xuntanza de traballo no Espazo en Común da rúa das Burgas para falares da “mala xestión urbanística que está a levar a cabo o Partido Popular e os problemas que teñen no desenvolvemento de determinados proxectos estratéxicos en Ourense”, asegurou o voceiro municipal, Martiño Xosé Vázquez. Tras a xuntanza, fixeron un percorrido pola contorna do Centro de Saúde de O Couto.

Un deses “proxectos de importancia” aos que se refería Martiño Xosé Vázquez é precisamente o Centro de Saúde, que permanece pechado á agarda de que o Concello urbanice a zona e lle dea a licenza de actividade: “maila que o centro estea listo para abrir, haxa persoal destinado para traballar nel e unha partida orzamentaria para a urbanización da contorna”, asegurou. O voceiro de OUeC reiterou a “preocupación” do grupo debido a que “a situación urbanística na que estamos, non vai haber soporte urbano que permita o desenvolvemento desta urbanización”.

Pero isto non é do único que lle trasladou o grupo local aos parlamentarios de En Marea. Entre os puntos a tratar estiveron a ausencia do PXOM, a descoordinación na chegada do AVE e a estación intermodal ou o estado dos Centros de Saúde da cidade como son o do Couto e o do Vinteún, “licitado en 2009 e aínda sen executar”, aseguran dende OUeC.

O voceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Luís Villares, dixo que “é evidente que o PP carece de modelo de cidade e non da resposta nin solución ás demandas da cidadanía”. Asegurou que o modelo do Goberno Local é “especulativo, con acumulacións urbanísticas e aglomeración de edificacións sen ter un sentido de plan”. Reiterou que “non é de recibo que teñamos un centro de saúde que non se poida abrir por falta de planificación e outro que non se poida executar (o do 21), cando é unha necesidade da cidade”, dixo. Finalmente reiterou que dende OUeC e En Marea “levaremos a cabo todas as iniciativas ao Parlamento para pór en común acordo ao Concello e á Xunta de Galicia e así facer de Ourense unha necesidade máis habitable”.

Seixalbo

Aproveitando a súa visita a Ourense, os deputados de En Marea visitaron o núcleo de Seixalbo e, xunto cos concelleiros de Ourense en Común mantiveron unha xuntanza coa Asociación de Veciños San Breixo, que lles quixeron trasladar in situ a problemática e perigosidade da estrada OU-105, de titularidade autonómica, para a que os veciños reivindican dende hai anos un proxecto de humanización, ampliación das beirarrúas e reducindo a velocidade.

Asemade, veciños, concelleiros e deputados avaliaron o impacto que a chegada da Alta Velocidade podería supoñer para Seixalbo de non implantarse a variante exterior. Dende Ourense en Común e En Marea aseguran que a veciñanza trasladoulles a súa aposta por desprazar o trazado, e o seu desexo de recuperar o corredor ferroviario actual como vía de comunicación peonil e humanizada entre Seixalbo e o centro da cidade.

Artigos relacionados

Back to top button