“Con escasos medios, moita ilusión e moitas colaboración, trinta e seis anos consecutivos” leva organizando o “Mes Cultural” a Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo, en Ourense. Naceu sendo unha “Semana Cultural” en 1987 e foi reconvertido desde hai seis anos nalgo máis dun mes repleto de actividades programadas para todos os públicos e idades, lembran dende esta entidade.
Nesta 36ª edición o programa iniciarase o 2 de setembro cunha acción titulada “_Sons e Rúa”_ , música, arte na rúa, pintura, grafitti para todas as idades pero “dirixida especialmente ao público infantil, na formidable e emblemática Praza do Cabildo, formando parte da programación, con actividades especificas para a rapazada: xogos tradicionais, inchables, festa da escuma, contacontos e visitas lúdico-formativas…”, segundo a organización. Unha vez máis, a clausura virá da man dun concerto cos grupos Cantigas de Seixo e Trovare, coa colaboración da Asociación Cultural Agromadas, previsto para o 8 de outubro.
Dúas exposicións poderán contemplarse durante este mes de setembro: debuxos do ilustrador local Sergio Fernández (Aroa F) e unha interesante mostra sobre a problemática da migración da man da Fundación JuanSoñador.
O teatro adquire especial protagonismo nesta edición, xa que ademais da clásica obra escrita e dirixida pola autora local Marisol Delgado e representada polos veciños de Seixalbo e que conta cun público fiel de máis de catrocentos espectadores (este ano, _“O rasposo de Seixalbo”_ coa intervención do grupo de danza Meigas Tribal) está programada a obra Escandalo’s Club, dirixida por David Vázquez e representada polo grupo Esteta Teatro.
Tamén o séptimo arte ten cabida coa proxección de “Ultimatúm a o Planeta” The Day the Earth Stood Still (1951 Estados Unidos Dirección Robert Wise). Esta actividade realízase coa colaboración do Cine Club Padre Feijoo, “que asume os dereitos de proxección así como o equipamento para a mesma, no Auditorio ao aire libre de Penouzos”, explican dende a asociación.
Conferencias, obradoiros, viaxes culturais, cicloturismo e a clásica Andaina Solidaria co Banco de Alimentos ou a tradicional Cea de socios e socias teñen cabida nesta ampla e variada programación. Ademais, “segue a ser un referente a xornada de Convivencia Intercultural, con xentes de distintos países que se integran na sociedade de Seixalbo a través do programa Teranga da Fundación JuanSoñador e a desinteresada colaboración do grupo local Os Perqtores (que ademais realizará un
obradoiro de percusión)”.
Tamén se retoma a iniciativa da realización dunha sesión vermú que se fai coincidir coa festividade do patrón local San Breixo, cunha foliada popular que contará con Cantares da Cunha, caldeira de pulpo e ambiente das clásicas romarías populares. “En definitiva, poucos medios, moitos colaboradores desinteresados e moito traballo por parte dunha directiva veciñal ilusionada que fan posible que se manteña un ano máis o “Seixalbo Cultural” ao que convidamos a todos os veciños e veciñas de Ourense”, indican dende a organización.