EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

“Ourense Enogastronómica” exhibe a súa calidade agroalimentaria en Salón Gourmets 2023

A Deputación de Ourense, a través do Inorde participa por segundo ano consecutivo, neste escaparate anual de referencia para os alimentos e bebidas de alta gama, con 14 coexpositoras que estarán a promocionar os produtos da provincia desde o 17 ao 20 de abril

 

A provincia de Ourense está, por segundo ano consecutivo, promocionando a súa calidade agroalimentaria na 36ª edición de Salón Gourmets, en Ifema (Madrid). A Deputación de Ourense, a través do Inorde, leva a marca “Ourense Enogastronómica” ao “escaparate anual máis importante de alimentos e bebidas de alta gama”, tal e como destacan dende esta entidade, coa participación de 14 coexpositores que estarán do 17 ao 20 de abril dando a coñecer os seus produtos aos visitantes.

A xerente do Inorde, Emma González, visitou hoxe a caseta da provincia de Ourense en Salón Gourmets para acompañar aos produtores ourensáns na inauguración desta feira á que “asistimos como destino enogastronómico para xerar valor engadido ao territorio e facilitar plataformas de promoción ás pequenas empresas do sector que lles permitan diversificar as súas canles de comercialización”, explicou Emma González.

“Tras o éxito logrado na pasada edición, con máis de 4.000 visitas á caseta durante os catro días que durou a feira e que permitiu que as empresas ourensás realizasen preto de 1.200 contactos con profesionais, este ano decidimos, atendendo tamén as demandas e suxerencias dos produtores, incrementar os metros da caseta e o número de empresas que podían participar, así como realizar unha actividade propia no Salón”, engadiu a xerente do Inorde.

O showcooking “Ourense provincia enogastronómica e sostible” exhibirá a cociña de raíz usando os produtos locais das empresas ourensás que integran a caseta da provincia. Neste sentido, o Inorde programou un showcooking que baixo o título “Ourense provincia enogastrónomica e sostible”, dous chefs de “Cociña Ourense” comprometidos co produto local, como son Gerson Iglesias e Begoña Vázquez, elaborarán diferentes pratos integrando os produtos das empresas ourensás expositoras e exhibindo unha cociña auténtica e de raíces. O taller será mañá martes, 18 de abril, de 10:30 a 12:00 horas, no Pavillón 4 na Aula Gourmet.

 

 

A caseta da provincia de Ourense cos 14 coexpositores mostran a imaxe de “Ourense Enogastronómica”

A caseta do Inorde está deseñado para que as empresas participantes poidan expoñer e promocionar os seus produtos, así como para que poidan manter reunións de traballo e facilitarlles a posibilidade de que establezan novas relacións comerciais. Deste xeito, os visitantes poderán coñecer a calidade dos produtos ourensáns, no Pavillón 6 na caseta 6B30, desde o luns 17 abril ao xoves 20 de abril, en horario de 10:00 a 19.00 horas ata o mércores, e de 10:00 a 17:00 horas o xoves 20 de abril.

As empresas que están co Inorde en Salón Gourmets 2023 como coexpositores pertencen a diferentes sectores agroalimentarios. Están a participar as cooperativas Postoiro de Vilar de Santos, dedicada a produtos hortícolas e A Vaquería de Baltar que está a promocionar as súas carnes de tenreira galega, así como as empresas a queixería Gaia Gourmets, Shiitake de Trives e Ánades Galicia está a promocionar as súas conservas e produtos de curados de pato como foie gras, fabas con pato, xamón de pato e confit de pato.

No apartado máis doce, temos á Central Heladera de Ourense dedicada á elaboración de xeados artesáns, Burgano Delicatesen levou a Salón Gourmets as súas galletas de manteiga de vaca e bicas, mentres que Melsacra está a expoñer os seus produtos de mel e derivados.

En canto a viticultura, participan da Denominación de Orixe O Ribeiro as empresas: Isabel Salgado Family Está, Viños Antonio Montero, Adega Ou Cotarelo e Adegas Celme, que elabora tamén vermús ecolóxicos. E, está presente a empresa Viños con personalidade – Viños de Garda de Galicia, que elaboran e comercializan viños de Galicia da Denominación de Orixe de Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra.

Tamén se integra na caseta da provincia de Ourense o Consello Regulador de Valdeorras que xa acudía habitualmente a esta cita do sector.

A 36ª edición de Salón Gourmets estará, por primeira vez na súa historia, en 5 pavillóns de Ifema
Salón Gourmets é a Feira de Alimentación e Bebidas de calidade número 1 de Europa e un dos referentes máis prestixiosos do mundo, presenta o mellor escaparate de tendencias de alta gama. A súa longa traxectoria de 35 edicións permitiulle ser a plataforma máis visitada e un encontro de profesionais nacionais e internacionais do sector gastronómico: restauración, hostalería, distribución, cátering e comercio especializado. Nesta edición serán protagonistas da mesma os 55.000 produtos e bebidas que promocionarán os máis de 2.200 expositores procedentes de máis de 25 países que estarán, por primeira vez na historia desta feira, nos 5 pavillóns de Ifema.

Artigos relacionados

Back to top button