SanidadeÚltima hora

Ourense, escenario de “GaliSepsis” un curso especializado no diagnóstico e tratamento da Sepse

É unha grave reacción inflamatoria do organismo ante unha infección que dana os seus propios tecidos e órganos con elevada incidencia e mortalidade

 

Ourense acolle GaliSepsis, organizado por un grupo de profesionais do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Universitario de Ourense, que reune hoxe e mañá a un colectivo multidisciplinar de especialistas e residentes en formación, para afondar nos seus coñecementos sobre a Sepse, grave reacción do organismo ante unha infección que dana os seus propios tecidos e órganos.

A infección, provocada por un microorganismo ou xerme (bacteria, virus ou fungo) diseminase polo torrente sanguíneo e provoca unha resposta inflamatoria xeneralizada, que pode afectar a órganos vitais e xerar un fallo multiorgánico, poñendo en grave risco a vida do paciente.

Pese a que aínda non se coñecen moitos dos porqués desta reacción orgánica daniña, a evidencia mostra que o diagnóstico e tratamento precoz da sepse aumenta as posibilidades de supervivencia. Velaí a importancia de afondar na formación dos especialistas, para reducir a súa letalidade, que supera á causada polo infarto de miocardio ou cancros como os de mama e intestinais xuntos.

 

 

Formación para loitar contra a Sepse

A súa elevada incidencia e mortalidade, que se incrementou nos últimos anos en todo o mundo, é resultado de múltiples causas, como o envellecemento poboacional, o aumento de intervencións cirúrxicas de alto risco, en tódolos grupos de idade e o crecemento das infeccións causadas por xermes cada vez mais resistentes.

Galisepsis vén sendo organizado desde 2013 por un grupo de especialistas do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Universitario de Ourense, liderados por Pablo Vidal Cortés. Este ano asisten 54 especialistas, a partes iguais de procedencia galega e do resto do estado, a maioría de Medicina Intensiva, o 63%; pero tamén de Anestesia e Reanimación, o 19%; de Medicina Familiar e Comunitaria, o 6%; e o 12% restante de Farmacia, Dixestivo, Oncoloxía, Pneumoloxía e Medicina Interna.

O curso deste ano, segundo explica o seu director, Pablo Vidal, “enfocarase ao diagnóstico, tratamento antibiótico e resucitación da sepse” e contará entre o seu profesorado, ademais de Vidal, co resto integrantes do grupo de traballo de Ourense, que tamén constitúen o seu comité organizador e científico, Jorge Nieto del Olmo, Paula Fernández Ugidos e Lorena del Río Carbajo.

Xunto a eles, estarán tamén recoñecidos expertos como José Garnacho Montero, do Servizo de Medicina Intensiva do H.U. “Virgen de la Macarena” de Sevilla e editor xefe da revista de Medicina Intensiva; o presidente da Sociedade Galega de Medicina Intensiva (SOGAMIUC), Pedro Rascado Sedes, do H Clínico de Santiago de Compostela; Mónica Mourelo Fariña, xefa do S. de Medicina Intensiva do H.U. de A Coruña; ademais de David Andaluz Ojeda, intensivista do Complejo Asistencial Universitario de Palencia, entre moitos outros.

A inauguración de Galisepsis estivo presidida polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial Bernárdez; acompañado pola xefa do Servizo de Medicina Intensiva do Hospital Universitario de Ourense, María José de la Torre Fernández, e director do curso, Pablo Vidal Cortés.

 

Artigos relacionados

Back to top button