
Ourense promocionarase na próxima edición da feira termal Termatalia México, que se levará a cabo entre o 29 de setembro e o 1 de outubro no estado mexicano de Coahuila. O alcalde da cidade firmou esta mañá un convenio de colaboración con Juan Carlos Parada, do comité executivo de Expourense, para dar oficialidade a esa participación que tamén inclúe unha partida de 21.770 euros. Así, a provincia será mostrada nun contexto que contará coa presenza de 35 países de todo o mundo, algo que Vázquez entende como unha “oportunidade de desenvolvemento para este concello”.
Segundo se explicou, o stand centrarase na proxección de Ourense como provincia termal mais non será este o único potencial a destacar. O rexedor indicou que tamén se dará a coñecer o patrimonio histórico da cidade e a gastronomía local. “Pretende ser unha porta aberta”, dixo, pois a intención é captar inversores e turistas.
Pola súa banda, Parada agradeceu a implicación do Concello nesta edición de Termatalia e aproveitou para facer balance dos 16 anos de historia da feira termal ourensá. Así, lembrou que o evento naceu cunha vocación de “poñer en valor o termalismo da cidade e da provincia” e recoñeceu que “non foi un camiño fácil”. Asegurou que conseguir a internacionalización do evento foi “difícil” mais “o traballo estase a facer ben”. Preguntado por se xa houbo inversores interesados, Parada mostrouse confiado en que “chegarán, estou convencido diso”.
En representación do Concello, irá o tenente alcalde José Araújo até México, para participar na vindeira edición de Termatalia. Esta é a terceira ocasión que se celebra fóra das fronteiras europeas, tras sendas edicións en Arxentina e Perú.
Texto: Sara Fontenla.