Máis de 400 coros e institucións musicais de toda España veñen de organizarse a través das redes sociais para cantar xuntos pola paz en Ucraína e noutras rexións do mundo azoutadas pola guerra. Na cidade de Ourense, o acto celebrarase o domingo 27 de marzo a partir das 11:30 na Praza Maior.
Así estes coros, institucións e escolas de música de toda España sumáronse xa á iniciativa Coros pola Paz, que se iniciou o pasado 6 de marzo na praza do museo Reina Sofía, en Madrid, onde se reuniron nun emotivo acto máis de mil coralistas.
En todas as cidades que se somen ao evento interpretarase a obra popular “Doa Nobis Pacem”, unha peza “perfecta” para unha convocatoria como esta, “cuxo texto está escrito nunha lingua universal, que é o latín e que ten unha mensaxe que todo o mundo entende, xa que significa “dános a paz’. A peza é un canon, moi fácil de interpretar, mesmo para aqueles que se estean iniciando no canto coral”, din dende a organización.
A invitación, din os promotores, “está aberta a todos os grupos corais e a todas as persoas que queiran participar a título individual”. No caso de Ourense, o Coro Xuvenil Cantiga lidera a convocatoria, que se celebrará o domingo 27 de marzo a partir das 11:30 na Praza Maior, baixo a coordinación de Cristina María Rodríguez Boado.
Que é Coros pola Paz?
É unha iniciativa da Asociación Familia Coral Santiago Apóstolo de Griñón (Madrid). Naceu tras lograr mobilizar en 24 horas a máis dun milleiro de cantantes en Madrid o pasado 5 de marzo para cantar pola paz. “A convocatoria xurdiu espontaneamente na nosa coral e estendeuse entre os nosos contactos musicais a través das redes sociais. A idea tivo tanto éxito que decidimos estendela por toda España e, na medida das nosas posibilidades, a outros lugares de Europa”, asegura Mariano García, director da Familia Coral.
A Asociación creou a web www.corosporlapaz.org para coordinar aos coros participantes. Tamén lanzou www.choirsforpeace.org e está a chamar á acción a federacións corais doutros países europeos