
Coincidindo coas festas da cidade e baixo o nome Ourense Termal Athletics Meeting, o vindeiro sábado 20 de xuño as pistas do campus universitario volverán acoller a gran cita do atletismo galego, na que se estima que participen máis de 250 destacados deportistas e na que se agarda rachar algunhas das marcas establecidas.
A cita desenvolverase en xornada de mañá e de tarde. Pola mañá terán lugar as probas das categorías inferiores, tanto masculinas como femininas, desde o 50 metros benxamín ata os 3000 metros cadete, ademais de saltos de lonxitude e altura e lanzamento de peso. A proba estrela, de 500 metros benxamín-alevín, tanto masculina como feminina, desenvolverase pola tarde. Polo que se refire ás categorías absolutas, haberá probas desde os 100 aos 1500 metros en pista; 110 e 400 metros valados; 4×100 metros relevos; triplo salto, salto con pértega e lanzamento de peso.