ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Outarelo (O Barco) mantense fiel a San Francisco Blanco

A procesión coa imaxe do santo e a súa reliquia saía na mañá do 2 de febreiro

A chuvia é a miúdo unha das protagonistas na celebración de San Francisco Blanco na localidade barquense de Outarelo, por iso na mañá do sábado 2 de febreiro, as olladas estaban postas no ceo cuberto. Mais neste caso a auga respectou a data e despois de varias misas (cada hora dende as dez), á unha da tarde comezaba a procesión coa imaxe e a reliquia (o cráneo) de San Francisco Blanco, percorrendo os arredores da capela.

Os tempos cambian e a romaría de San Francisco Blanco xa non é multitudinaria pero hai moita xente que se mantén fiel a cita, e xa de boa mañá se ía vendo ambiente nas adegas da localidade onde xantan, por exemplo os membros da Peña Os Garnachos, e no local social San Francisco onde unha pulpeira de Castro Caldelas serviu tapas de polbo á feira. Tampouco faltaron á cita os membros da Peña de San Francisco Blanco.

Coma sempre, trala procesión tiña lugar a misa maior oficiada polos sacerdotes de Viloira e O Barco, e presidida pola reliquia de San Francisco (mártir nado en Tameirón, A Gudiña e crucificado en Xapón), que os fieis tocaron e bicaron ao rematar a eucaristía, pasando pola imaxe do santo, avogado das dores de cabeza, as tradicionais roscas.

O apartado musical correu a cago dos gaiteiros Celtas Largos que deron un pasarrúas polo pobo acompañando ademais á procesión, e da discoteca móbil A Boa Festa.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos na edición en papel de febreiro do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button