ConcellosÚltima hora

“Outono arqueolóxico” na Mezquita, da man da Asociación Cultural Os Tres Reinos

Esta entidade está a organizar unha serie de actividades destinadas a “coñecer, concienciar e protexer o patrimonio” desta zona do sueste ourensán
Imaxe do cartel da visita guiada ao Castelo que organizará a Asociación Os Tres Reinos o día 25 de novembro.

No patrimonio poñen o foco as actividades que promoverá nas vindeiras semanas na Mezquita a Asociación Cultural Os Tres Reinos baixo o título “Outono arqueolóxico”. Trátase de dúas accións que pretenden dar a “coñecer, concienciar e protexer o patrimonio histórico e arqueolóxico do concello de A Mezquita”, segundo sinala esta entidade.

A primeira delas está prevista para o 25 de novembro ás 10:30h. Será unha visita guiada ao Monte Castelo en Santigoso (A Mezquita), onde se atopa o Castro do Castelo Pequeno, a 1.254 metros de altitude. “Este recinto fortificado componse asemade de tres recintos que presentan boas defensas naturais, excepto na zona norte, onde foi levantado un campo de “pedras fincadas”. O Castelo Pequeno de Santigoso, cunhas dimensións de entre 9’5 e 10Ha é, xunto con San Cibrán de Lás e Santa Trega, un dos castros mais grandes de Galicia”, tal e como se informa dende a Asociación Cultural Os Tres Reinos. Os encargados de dirixir a visita serán Israel Picón e Miguel Losada.

Ademais, para o 5 de decembro ás 10:30h. no Concello da Mezquita está previsto o BIComún nº16. “Esta idea, creada por Niquelarte (e liberada a dominio público), será posta en marcha pola Asociación Os Tres Reinos. A actividade consistirá na exposición de 10 fotografías de bens patrimoniais materiais ou inmateriais da Mezquita. Convídase a todas as veciñas e veciños do concello a asistir a esta exposición e participar de forma colectiva na interpretación do estado dos bens históricos, todo mediante un sinxelo código de cores”, segundo a asociación. Este proxecto comezaba no 2013 e ten suposto un punto de inicio para novos modelos de xestión social do patrimonio.

Por outra banda, a Asociación Os Tres Reinos ten marcha outras dúas propostas unha delas un parque multiaventuras onde se realizan diversas propostas actividades que van dende a escalada ao tiro con arco, pasando por xogos de habilidade e rutas de xeocaching. E tamén neste mes de novembro, en concreto, o día 24, conmemorarase o Día Internacional contra a violencia de xénero a través dun programa que comezará ás 14:30h. no CEIP Augusto Assía da Mezquita cunha pintura mural e lecturas por parte dos alumnos/as, ás 16h. haberá un trivial de igualdade para nenos/as de 3 a 12 anos e ás 17:30h. a proxección da película “Te doy mis ojos”, seguida dun debate e chocolatada para os asistentes.

Artigos relacionados

Back to top button