DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Pablo Andrés imponse en K-1 senior na Copa España sprint, no Barco

Os padexeiros valdeorreses lograban catro podios nesta competición celebrada no río Sil o 24 de maio

Cunha asombrosa marca dun minuto e 21 segundos, Pablo Andrés (Club Salamanca) lograba a vitoria en K-1 senior da Copa España sprint de descenso de augas bravas, que se desputaba na mañá do 24 de maio no Barco. Desta volta, Jesús Rodríguez León, do Club Fluvial Barco, tiña que conformarse coa quinta posición e non conseguía repetir o podio do día anterior na modalidade clásica.

Aínda así os valdeorreses, colleitaban tres títulos nesta proba sprint nacional. Fernando García Viso conseguía situarse segundo en K-1 veteranos, mentres José Antonio Santín se quedaba ás portas do podio cun cuarto posto. Ademais Marta Paradelo facíase co terceiro posto en K-1 dama xuvenil e Eva Piay quedaba nesa mesma posición pero na categoría K-1 dama cadete. Por clubs, o mellor resultado galego correspondíalle ao Quixós, que se clasificaba terceiro.

Deste xeito concluía unha triple proba nacional de descenso de augas bravas no Barco, tras a Copa España clásica individual e por patrullas do sábado 23 de maio. Dende a organización, en mans do Club Fluvial O Barco, en colaboración coa Federación Galega e co Concello do Barco, facíase unha valoración positiva desta edición. Ademais agradecíase o apoio prestado polo concelleiro de Deportes do Barco, Julio Fernández, cuxa última participación nun acto público era precisamente a entrega de premios das probas deste campionato no sábado 23 de maio.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button