Sobre o valor da felicidade reflexiona Paco Ascón en “Tener o ser” (Círculo Rojo, 2020). Trátase do primeiro libro deste pintor, que se sente veigués dende hai xa 27 anos. “É un conto baseado na fábula da formiga e da cigarra e que está dedicado á xente nova, que vai comezar a súa vida. Con esta historia quero que recapaciten sobre o que quere ser, se queren ser felices ou ter moito poder e riqueza”, explica Ascón.
Este escritor considera que hai dous tipos de persoas, “aquelas que na súa vida só pensan en medrar, en progresar e acumular riquezas e poder, e aquelas outras para as que o principal é ser feliz”.
Ascón presentaba na tarde do 14 de agosto “Tener o ser” na sala do Toural na Veiga, acompañado polo alcalde, Juan Anta. O rexedor veigués destacaba o labor cultural realizado por este pintor no municipio e a súa aposta e defensa polo rural. “Leva moitos anos defendendo a bandeira da Veiga e agora regálanos este extraordinario libro”, destacaba.
Deseguido, tomaba a palabra o autor, quen comezaba cun longo capítulo de agradecementos con referencias ao alcalde, aos traballadores do Concello, tamén á editorial Círculo Rojo, ao escritor ourensán José Antonio Santos, así como á súa familia, parte da cal estaba presente na sala. Durante este acto tamén podía adquirirse este libro ao prezo de 15 euros.
Fotos: Carlos G. Hervella.