
A Veiga porá o peche ao Entroido da provincia este sábado, 8 de marzo, coa xuntanza de fulións máis multitudinaria dos últimos anos. Organizada pola Asociación Cultural O Son de Trevinca, e contando coa colaboración da Axencia Turismo de Galicia e o Concello da Veiga contará con preto de 1.000 participantes, tal e como informan dende o Concello.
Desfilarán 17 fulións: A Veiga, As Tablillas Valdín-Porto, Arrieiros de Petín, Piñeiro, Petín, O Tameirón, O Fiadeiro, Penouta e Ramilo, Os Labregos, Cabo da Vila, Carracedo da Serra, Buxán, Bembibre, Chandrexa de Queixa, Fradelo, Vilariño de Conso e Mormentelos. Ademais de máscaras tradicionais: Oso de Salcedo, Cabreiros de Muíños, Os Peteiráns de Freás, Chocalleiros de Vilardevós, Follateiros de Lobios, Danzantes e vellos de Vilameá, Vellarróns de Castrelo de Cima (Riós), Felos de Maceda, Charrelos, Boi e a Morte da Veiga. Un total de 26 grupos preto de 1.000 persoas desfilarán a partires das 16 horas percorrendo a rúa principal do pobo ata a praza do Toural.

A través da Asociación O Son de Trevinca, A Veiga vén de incorporar a súas figuras típicas do Entroido, o Charrelo e o Boi ao Museo do Entroido Galego que se atopa en Xinzo de Limia. O sábado non faltará a Morte, figura típica de Valdín que simboliza o peche do Entroido e a morte da festa, e que porá o punto final ao Entrudio da Veiga acompañada polos fachóns.
Xa pola noite, o pavillón municipal acollerá o fin de festa coa charanga El Tattoo e a actuación musical de DJ Josete a partir das 22:30h.
Dende o Concello animan a toda a xente a visitar e participar no desfile, como “unha oportunidade única de ver personaxes moi diversos e desfrutar de todos os fulións da contorna chegados de diferentes pobos, cos distintos toques pero co mesmo sentimento de paixón polo entroido”.