CulturaCulturaÚltima hora

Padrevecchi: “Esta obra é unha homenaxe ao Barco e á súas xentes”

Este artista arxentino afincado en Valdeorras expón a súa colección pictórica no Casino ata o 30 de abril

 

A primeira vez que o arquitecto e artista visual arxentino Óscar Padrevecchi expoñía en España, foi no proxecto “MirArte” na céntrica tenda Miranda Moda no Barco de Valdeorras, onde vive dende o ano 2020. “Primeiro namoreime dunha barquense e despois do propio Barco polo que me dá moita alegría que sexa aquí a presentación da miña obra e nun escaparate porque é un lugar público e iso anímame moito, é unha maneira de darme a coñecer”, destacaba nese momento, en maio de 2021.

Tres anos despois e logo de ter realizado xa varios murais na vila e mesmo o cartel da Festa do Botelo do Barco 2024, xurdía por fin a oportunidade de expoñer a súa obra nunha sala. Unha escolma de pinturas titulada El límite la verdad que dende a tarde do venres 12 de abril está exposta no segundo andar do Casino do Barco.

 

Óscar Padrevecchi diante dun dos cadros da exposición.

 

“Levo tempo traballando en obras que plasman as miñas impresións e vivencias no Barco que acabaron sendo parte dunha serie titulada O Barco no horizonte, como unha homenaxe a esta vila e ás súas xentes”, di Padrevecchi, que sempre traballa nun estilo contemporáneo e impresionismo abstracto.

Máis que pinturas, este artista arxentino define a súa obra como “obxectos pictóricos” porque ten que ver coa arte contemporánea onde prevalece a técnica mixta. “Ha unha mestura de música, poesía, arquitectura,… que sae á luz cando pinto”, di, recoñecendo a súa “obsesión pola raia, a liña que determina un límite, algo que vén condicionado pola miña faceta como arquitecto onde unha raia constrúe e pensa dalgún xeito. A pintura é máis intuitiva e a miña ten certa musicalidade e ten ritmo, velocidades, silencios…”

 

 

Na inauguración da exposición, que pode verse ata o 30 de abril, Óscar Padrevecchi estivo acompañado por moitos amigos, polo presidente do Casino, Pablo Dobao e pola concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta. O horario de visitas é de xoves a domingo de 19 a 21 horas e el mesmo conducirá aos visitantes pola mostra.

Fotos cedidas

Artigos relacionados

Back to top button