En portada

Paisaxe de auga, viño e románico

Baltar e Besteiro asinarán neste mes un convenio para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

A Ribeira Sacra é un territorio mimado pola auga. Modelado ao longo dos séculos polos cauces dos ríos Miño, Sil e Cabe, e que se estende por 21 concellos e dúas provincias: Ourense e Lugo. A súa paisaxe natural conxuga imponentes canóns navegables (de máis de 15 quilómetros e desniveis que van dende os 300 aos 500 metros), con cumios como os do Monte Faro (de 1.187 m., con vistas das catro provincias galegas) e xoias botánicas como o Bidueiral de Montederramo.

Pero a da Ribeira Sacra é tamén unha paisaxe fondamente cultural. Dende tempos remotos foi domesticada polo home, que rompeu os seus montes con túneis, como o romano de Montefurado (Quiroga), converteu as ladeiras dos seus ríos en espectaculares terrazas de viñedo ou sementou as súas beiras de mosteiros medievais tan engaiolantes como os de San Pedro de Rocas (Esgos) e de igrexas tan fermosas como a de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil).

A Ribeira Sacra é un agasallo para os sentidos que sorprende e seduce a quen a descubre, así como un referente turístico que cada ano a atrae a numerosas persoas. Unha paisaxe única que merece formar parte da lista de lugares recoñecidos como Patrimonio da Humanidade. Diso están convencidas as Deputacións de Ourense e Lugo e con ese fin están a traballar dende hai uns meses. Pero non parten de cero. Dende 1996 a Ribeira Sacra figura na lista española que recolle, por indicación da Unesco, os bens ou sitios con requisitos suficientes para ser candidatos á súa inclusión en Patrimonio da Humanidade.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(O texto íntegro pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil)

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button