Na xunta de goberno celebrada hoxe no Concello de Parada de Sil aprobábase o prego para licitar a obra do plan provincial deste ano que se enmarca nun progrma de reposición de pavimentos en todos núcleos de poboación do municipio que o necesiten ao longo de tres anos.
Neste 2022 o Concello solicitou á Deputación de Ourense a delegación de competencias para poder contratar e, en consecuencia, “aportará de fondos propios 48.000 euros, o mesmo que aporta a Deputación provincial, polo que o total serán 96.000 euros”, indican dende esta administración local.
Nas obras que se pretenden levar a cabo dende o Concello este ano mellorarase o pavimento dos pobos de O Couto, Coutiño, Santigueiro, Os Fiós así como o acceso a Fondodevila, non incluíndose o interior do casco deste núcleo porque, segundo o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, “o obxectivo é atopar un programa de axuda doutra administración para soterrar o cableado e colocar un pavimento acorde a como están quedando as distintas rehabilitacións públicas e privadas que se están levando a cabo”.
Por último, e valorando as peticións de veciñosque prácticamente non podían acceder a súa vivenda en coche no pobo de Chandrexa, “mellorarase o acceso e farase un muro de contención para solucionar este importante problema”, adianta o rexedor.