ConcellosEn portadaParada de SilÚltima hora

Parada de Sil celebra a XIV Andaina da Castaña cun cento de participantes

 

Arredor de 100 persoas desfrutaban da XIV Andaina da Castaña en Parada de Sil. Unha proposta que xungue deporte, natureza e patrimonio e que se desenvolve entre soutos de castiñeiros e as viñas da sapeira que aínda permiten gozar da gama ampla de cores.

Os camiñantes tomaban a saída esta mañá de forma entre as 9h. e as 9:30h. para evitar aglomeracións e contactos, sempre tendo presente as medidas anticovid. O traxecto da andaina percorre o PR-G98 Canón do Sil Santa Cristina, “o que é un aliciente máis para os camiñantes como tamén o é a posibilidade de desviarse 50 metros para ver o Castiñerio de Emtrambosríos, declarado árbore senlleira pola Xunta de Galicia”, tal e como destacan dende o Concello de Parada de Sil.

Antes de saír, os participantes recibían o saúdo do alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, quen lles desexou “unha mañá de desfrute desta paisaxe” e prometeu que a vindeira será sen pandemia e “voltaremos aos bos usos e costumes de rematar cunha comida (este ano suprimiuse) e a festa do Magosto de Sacardebois”.

Finalmente, ás 11h. partían os 15 nenos na andaina de cativos, acompañados dunha guía, Lourdes Parente, que lles explicaba os aspectos máis relevantes do percorrido e os elementos etnográficos que se atopan no mesmo como a aira de mallar, lavadoiros, pouso e outros.

 

 

O alcalde de Parada de Sil amosaba o seu agradecemento a Xosé Antón Vázquez do Clube de Montaña Ribeira Sacra pola “súa implicación e organización desta marcha”, así como aos voluntarios e voluntarias de Protección Civil que, “unha vez máis, facilitan a celebración estes eventos de xeito tolamente desinteresado”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button