OurenseÚltima hora

Parada de Sil conta cun novo espazo público con aparcadoiro e zonas verdes

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitaba esta mañá o municipio

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou hoxe o novo espazo público co que vai contar a veciñanza de Parada de Sil, e que está conformado por un aparcadoiro rodeado de zonas verdes.

A intervención tivo lugar nun solar de forma irregular localizado no lugar de Parada de Sil e cunha superficie de algo máis de 2.100 m2. A urbanización consistiu na creación dunha área de aparcadoiro con pavimento acorde co ámbito rural no que se encadra —concretamente, sábrego de cemento, lousa e lastro de granito—, rodeada de zonas verdes con mobiliario e outros servizos urbanos.

Cun orzamento de preto de 180.000 euros, dos cales o 70% foi achegado pola Xunta de Galicia, o convenio enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

A conselleira subliñou que grazas a esta iniciativa, dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Ademais, esta actuación está recollida no Plan de acción estratéxico da Ribeira Sacra, impulsado pola Consellería, en colaboración cos 30 concellos beneficiarios das provincias de Lugo e Ourense, para fortalecer ferramentas como a definición dun instrumento de ordenación territorial, a integración de medidas de protección dos valores naturais e o desenvolvemento de accións de rehabilitación en materia de vivenda.

Artigos relacionados

Back to top button