ConcellosÚltima hora

Parada de Sil destinará 150.000 euros a mellorar accesos a fincas e aldeas

Concello de Parada de Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

Mellorar os accesos ao rural, tanto ás localidades como ás explotación agrogandeiras. Este é o obxectivo dunha serie de actuacións que acometerá en breve o Concello de Parada de Sil e nas que proxecta investir uns 150.000 euros. “En proceso de contratación que rematará en breve ten o Concello a obra pensada para o Plan Marco por un importe de 49.200 euros, que mellorará os accesos a fincas de gandeiros na zona de Forcas, Verengo e Praomao. Este camiño de carro polo que non caben os tractores, da zona na que máis gandeiría hai do concelllo, será convertido nun camiño agrícola para a nova maquinaria industrial que existe na zona”, explican dende o Concello de Parada de Sil. Esta era unha intervención longamente demandada polos gandeiros, polo que para a alcaldesa, Yolanda Jácome, é unha satisfacción poder solucionala agora.

Por outra banda, e con cargo a unha subvención da Xunta para mellora de infraestructuras, o Concello acometerá o arranxo do acceso á Barxa e O Porto, actuación que ten un importe duns 50.000 euros, dos que o Concello porá 30.000 de fondos propios. “Este é un acceso que se mellorará toda a capa de rodadura e poranse cunetas, o que leva a un ensanche de 20 centímetros, facilitando o acceso a unha das zonas de viticultura heroica, no Cañón do Sil, máis espectaculares”, destacan dende esta administración local.

Ademais está xa axudicada a construción dun aparcadoiro en Parada á empresa Hordascon por importe de 48.000 euros, dos que o Concello pon o 35%. “Esta é unha obra moi importante para resolver o problema de aparcamento en Parada, sobre todo, nos meses de verán, que xunto coas sinalizacións feitas para aparcar ao longo da estrada principal, facilitarán a tarefa a veciños e visitantes”, indican dende o Concello.

Artigos relacionados

Back to top button