EconomíaEconomíaÚltima hora

Parada de Sil e Sober volven lograr a Bandeira Verde

Este distintivo ten por obxecto enxalzar as boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe

 

Un total de 15 concellos veñen de ser recoñecidos como territorios responsables coa concesión da Bandeira Verde, un distintivo que ten por obxecto enxalzar as boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe.

Durante o acto de entrega destes distintivos que outorga a Xunta, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou que cada vez son máis os concellos que se suman a esta iniciativa. Se na súa primeira edición -2020- se entregaron 2 bandeiras verdes, este ano son 15 os municipios distinguidos, 6 máis que o pasado 2021.

Logo de felicitar aos concellos da Laracha, Cervo, Muros, Ribadeo, Ribeira e Touro por ser galardoados por primeira vez e aos de Alfoz, Curtis, Moaña, Mondoñedo, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porto do Son e Sober por revalidar a Bandeira Verde de 2021, Ángeles Vázquez animou a todos os municipios a presentarse a este galardón que pretende “sumar e reflectir o esforzo que as entidades locais están facendo polo futuro de Galicia” grazas a accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; para afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; para xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e para sensibilizar a cidadanía nesta materia.

O distintivo Bandeira Verde de Galicia é unha iniciativa creada no 2020 que busca distinguir os concellos máis dinámicos neste eido cun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía e polos potenciais visitantes, fortalecendo a imaxe das vilas e pobos máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.

Artigos relacionados

Back to top button