ConcellosÚltima hora

Parada de Sil promocionarase como destino en Barcelona

Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil (Parada de Sil)./ Foto: Carlos G. Hervella.

No vindeiro mes de maio, no marco da celebración da XXXIII Festa da asociación Galega Cova da Serpe en Barcelona, o Concello de Parada de Sil promocionará os seus recursos turísticos na capital catalana. Esta asociación e a Federación de asociación de entidades galegas en Barcelona, organizarán no parque de San Martí del Provençals a súa festa anual e veñen de “convidar a Parada de Sil a ser protagonista da mesma”, tal e como indican dende o Concello.

Durante os tres días, produtos galegos como é o caso da empanada, pulpo, viños da DO Ribeira Sacra e outros estarán ao dispor de todas as persoas presentes. Tamén terán lugar moitas actuacións de grupos musicais. Ademais Parada de Sil, cuxa alcaldesa Yolanda Jácome estará presente, convidará ós asistentes a degustar licor café e augardente de herbas despois da cea do venres día 11.

Ao mesmo tempo, daranse a coñecer en Barcelona mediante material promocional como cartelería os lugares emblemáticos deste municipio ourensán: o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, os Balcóns de Madrid, A pasarela do Mao, a necrópole de San Vítor de Barxacova… E proxectarase o documental titulado “ALMA”, que promociona A Ribeira Sacra e Parada de Sil, un traballo que acaba de ser seleccionado para o The Earth Day Film Festival, que se celebra en California.

A alcaldesa de Parada de Sil agradece o convite e agarda que este evento sirva para “aumentar a presenza de visitantes de Cataluña na Ribeira Sacra e neste concello”.

Artigos relacionados

Back to top button