OurenseÚltima hora

Parada de Sil terá neste 2022 un orzamento de 1.410.000 euros

Concello de Parada de Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

No pleno ordinario que celebraba esta semana a Corporación municipal do Concello de Parada de Sil aprobábanse os orzamentos (cos votos dos cinco concelleiros do partido Socialista a favor e os dous concelleiros do PP en contra), sendo o de maior volume nos últimos anos. Así ascende a 1.410.000 euros.

Nos orzamentos contémplanse importantes partidas para gastos sociais, entre as que sobresae a destinada á veciñanza de Parada de Sil que habita no Xeriátrico Luces do Sil; así como á actividade de promoción cultural.

O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, cualifica o orzamento como realista; e anuncia a súa “vontade e compromiso para incrementalo ao longo do ano con axudas doutros organismos, que xa estarían comprometidas e que rondarían os 200.000 euros. Estas irían ó capítulo de investimento, que conta de partida con 378.000 euros”.

Tamén se informou na sesión plenaria de que a esta contía económica se lle engadiran os preto de 200.000 euros pagados pola instalación de luminarias LED e placas fotovoltaicas na nave do Concello; que se atopan pendentes de reintegro ao Concello por parte do IDAE; co que, segundo Aquilino Domínguez, “estaríamos falando dun gasto no capítulo VI, en investimento, que rondaría os 700.000 euros; dado que o orzamento “é algo dinámico”, concepto no que o alcalde insitíu moito.

Por primeira vez, incorpórase no orzamento unha planificación das axudas que se viñan facendo a distintas asociacións como o Club de Fútbol, o Clube de Montaña Ribeira Sacra e a Asociación de Mulleres Rurais; e por primeira vez, dado que se acaba de consituír a asociación; a “Os Noviños de Parada de Sil”, Asociación de pais e nais dos nenos de Parada.

O rexedor xustificaba o retraso na aprobación do orzamento no feito de que o “novo secretario interventor se incorporou en decembro e quería facer unha análise rigorosa do funcionamento do Concello antes de presentar os orzamentos”.

Artigos relacionados

Back to top button