CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

“Pardais e falcóns” estrearase da man de Gargallada o 2 de setembro no Castro (O Barco)

Esta peza, escrita por Gustavo Docampo, propón un percorrido pola historia valdeorresa da man do teatro

Un dos ensaios de “Pardais e falcóns”, que se estreará mañá./ Foto: Gargallada Teatro.

 

Son dez escenas, guiadas por dous singulares xograres, coas que o público viaxará por diferentes momentos da historia valdeorresa: dende a romanización ata a revolución liberal. “Pardais e falcóns”, obra escrita por Gustavo Docampo cobrará vida o 2 de setembro a partir das 22h. da man de Gargallada Teatro. Será nun lugar emblemático, a praza da fortaleza da vila do Castro (O Barco), precisamente o lugar no que ao seu autor, Gustavo Docampo, se lle ocorreu a idea de comezar a escribila.

A montaxe, que volverá representarse nese mesmo escenario o 3 de setembro ás 22h., é unha coprodución do Concello do Barco en colaboración coa Deputación de Ourense. Tanto a dirección artística, a creación do espazo escénico ou o elenco de catorce actores (para darlles vida a 25 personaxes) e tres músicos cubríronse con persoas de distintas localidades da comarca, coa idea de que a actividade servise para establecer sinerxías comarcais no eido da cultura, sendo un punto de partida que podería ter un percorrido posterior, de ser representada noutras localidades de Valdeorras.

 

Foto: Gargallada Teatro.

 

Así, do seu elenco de actores forman parte Paco Campos, Reyes Limia, Lalo Santos, Manuel González, Moncho Díaz Macías, Carmen Hernández, Juanjo Fernández García, Xosé Lois Conde, Emilio González López, Álvaro Baños, Ángel Rodríguez, Aurora Fernández Couso, José Manuel G. Borace, Juan Ferreira e polos músicos Xaquín Freixeiro, Antela Roo Calvo e Xabier Blanco Sánchez.

A posta en escena está dirixida por Manuel Caramés, mentres que na escenografía, vestiario e no deseño gráfico contouse con Luis Enrique Rodríguez Arias “Coquixo”. A música foi composta para a ocasión por Xaquín Freixeiro. Da parte técnica (son, deseño de iluminación e montaxe de estruturas) ocuparanse Vanesa Yáñez e Jorge Álvarez Delgado.

 

Artigos relacionados

Back to top button