ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

Pastoreo de gando autóctono para controlar a vexetación baixo os tendidos eléctricos

O Concello de Vilariño de Conso e Naturgy abordaban nunha reunión a posibilidade de poñer en marcha neste municipio un proxecto piloto nesta materia

Imaxe da reunión entre a alcaldesa de Vilariño de Conso e representantes de Naturgy./ Cedida.

 

Controlar a vexetación nas zonas situadas baixo os tendidos eléctricos, grazas ao pastoreo dirixido de gando autóctono de granxas locais. Arredor desta cuestión xiraba unha reunión que veñen de manter a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, e representantes de UFD, a distribuidora eléctrica de Naturgy. Neste encontro abordábase a posibilidade de poñer en marcha un proxecto piloto para limitar o crecemento da vexetación baixo os tendidos eléctricos mediante solucións baseadas en usos tradicionais de control forestal e favorecer así o desenvolvemento rural sostible.

“Estamos en proceso de negociación, tivemos un primeiro contacto para presentarlle a Naturgy os gandeiros que temos no municipio e agora eles solicitaron, por exemplo, pastores eléctricos, mallas, xeolocalizadores… que sería moi interesante que facilatara Naturgy. Esta compañía a cambio ten que asinar un contrato con eles para manter o matorral que non pase de 20 cm de altura e outra serie de condicións”, adianta a rexedora de Vilariño de Conso, quen tamén matiza que, polo de agora, “só houbo este primeiro achegamento, aínda está sen asinar ese convenio, pero estamos en proceso”.

Pola súa banda, Naturgy sinala que “a redución da biomasa nos corredores das liñas eléctricas é indispensable para garantir a calidade de subministración e o acceso do persoal que realiza o adecuado mantemento ás instalacións. Para iso, UFD conta con plans de xestión da vexetación que minimizan o impacto ambiental, baseados nas novas tecnoloxías de dixitalización 3D e a análise intelixente de datos e de imaxes, que permiten realizar unha xestión preditiva do impacto da masa vexetal sobre as liñas eléctricas e crear un xemelgo dixital da infraestrutura e a vexetación. Isto permite realizar actuacións máis precisas e selectivas, e garantir o equilibrio na necesaria relación de convivencia entre liñas eléctricas e masa forestal”.

Así mesmo a compañía indica que “a roza da vexetación máis próxima ao chan realízase con medios mecánicos”, se ben a través do proxecto que pretende impulsarse co Concello de Vilariño de Conso, Naturgy “probará un novo modelo de control da vexetación” que, en palabras do delegado de UFD en Ourense, Pablo Carreira “será máis sostible e con menor impacto no medio ambiente”.

Ademais, “o aproveitamento da superficie baixo os tendidos eléctricos permitirá incrementar a superficie destinada á gandería e a cantidade de forraxe dispoñible para o gando, en consonancia co desenvolvemento da zona e contribuíndo tamén ao obxectivo de fixar poboación no medio rural”.

Dende o Concello de Vilariño de Conso tamén se valora de forma positiva esta iniciativa. “É un proxecto que vemos moi interesante para a nosa zona, para exaltar o cabrito aínda máis e, sobre todo, para eses métodos tradicionais de pastoreo se conservan e para darlle un valor engadido, a parte de que permite mellorar moito a produción do solo e tamén a loita contra incendios”, sinala a súa alcaldesa, Melisa Macía.

A compañía sinala que xa desenvolve proxectos pilotos similares “noutras zonas xeográficas da provincia” e estuda a viabilidade deste sistema para continuar estendéndoo a outras áreas onde dispoña de tendidos eléctricos e, para iso, está a traballar xunto a outras institucións, como o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) da Deputación de Ourense, impulsando conxuntamente este tipo de proxectos.

Artigos relacionados

Back to top button