“O entroido galego: entre a tradiçao e a modernidade” é o título dunha xornada online na que participaba como ponente o pasado 26 de febreiro o investigador vianés Pedro Basalo. No seu decurso presentaba a ponencia “A importancia dos matices no Entrudio de Viana do Bolo”.
“O contido da miña charla”, explica Basalo, “dividiuse en dúas partes. A primeira (máis teórica) comezou cunha contextualización e unha exposición de conceptos destinada a valorizar o papel das particularidades dentro do Entrudio do concello de Viana. E a segunda parte consagrouse a ilustrar algunhas desas singularidades a través dos exemplos concretos do fulión e das tres figuras de boteiro que se conservan actualmente no municipio de Viana: a de Viana do Bolo (presente tamén nalgunhas aldeas), a de Fornelos de Filloás e a de Vilarmeao”.
Este evento estaba promovido polo PROEG (Programa de Estudos Galegos) da Universidade do Estado do Rio de Janeiro e forma parte dun ciclo de palestras organizadas polo Programa de Estudos Galegos da Universidade do Estado do Rio de Janeiro e do Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa.
Ademais da ponencia de Pedro Basalo, o programa incluía tamén a intervención da antropóloga Paula Godinho, que abordou a evolución da dinámica do Entroido de Vilariño de Conso e do Entroido galego ao longo do tempo por medio de temas como a patrimonialización, a adaptación da festa aos novos tempos ou o complicado equilibrio entre patrimonio e rendemento económico.
A charla foi gravada e está dispoñible en YouTube, na canle do PROEG na seguinte ligazón
https://www.youtube.com/watch?v=1ZOR-uNINak&fbclid=IwAR1egYdN6CsvnBHmKy6l3_Lnu4RkwgUCKpbhtxhDs7N2DpQmOYUllweEXBw