PolíticaÚltima hora

Pedro Sánchez asegura que Besteiro será o próximo presidente da Xunta e o comité federal dá luz verde ao candidato

Os membros do órgano executivo do PSOE apoiaron con aplausos ao candidato galego, quen dixo emocionado: “Custoume sete anos de mi vida chegar aquí, anos de mentiras e estratexias xudiciais da dereita para destruírme pero hoxe é un día de ledicia”

 

“Estamos ante unha oportunidade histórica. E no PSdeG non só temos a posibilidade histórica de gañar, senón a responsabilidade histórica de conseguilo. Por Galicia e polas súas xentes”. Gómez Besteiro, amosouse convencido do cambio político que haberá en Galicia na súa intervención esta mañá no Comité Federal do PSOE, onde foi ratificado como candidato dos socialistas galegos a presidir a Xunta de Galicia.

Xa no discurso de apertura do comité, o secretario xeral, Pedro Sánchez, destacou que “José Ramón vai ser presidente cando se convoquen eleccións en Galicia. Ten o apoio tanto da Comisión Executiva Federal como de todo o partido para que ese cambio sexa posible.”

Besteiro afirmou que “hoxe, o socialismo galego está forte, preparado, unido e convencido para o cambio que Galicia necesita. Somos”, dixo, “a única alternativa para liderar ese cambio seguro, crible e sustentado nun galeguismo útil que mellore a vida das nosas xentes”.

O deputado galego sinalou que “a responsabilidade que asume o PSdeG non é só con Galicia, senón tamén coa necesidade de estender as políticas progresistas e de transformación social. Pedro, ti demostraches que España era máis. Pois imos facelo agora en Galicia. Imos darlle un goberno para que Galicia alcance a súa mellor versión”.

 

 

Neste sentido, insistiu en que “temos un país de primeira e imos darlle un goberno de primeira, que estea a altura das nosas xentes”. Confrontou o modelo do PSdeG co do Partido Popular: “O PP de Rajoy, Feijóo e Rueda renunciou a Galicia, nun declive constante que xa dura 14 anos e no que confronta con todos, buscando un inimigo exterior que xustifique a súa incapacidade”, o que considera unha deslealdade institucional permanente.

Pola contra, afirmou que “os socialistas esiximos a España o noso lugar pero cremos na Galicia e na España da convivencia e do diálogo”, polo que lembrou unhas palabras do alcalde de Vigo, Abel Caballlero: “Son tempos de política”.

Besteiro: “Nunca deixei de perder a confianza na política”

Por último, Besteiro lembrou emocionado “que nunca deixei de perder a confianza na política, a pesar dos sete anos da miña vida que me custou chegar aquí, anos de mentiras e estratexias xudiciais da dereita para destruírme pero hoxe é un día de ledicia”.

O discurso do candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, que foi retransmitido en directo e en aberto, recibiu o aplauso unánime dos membros do Comité Federal, entre os que se atopaba o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, e membros da comitiva galega como José Manuel Lage, Abel Caballero, Lara Méndez, José Tomé, César Mogo, Carmela Silva, Xosé Bugallo, Pilar García Porto, Bernardo Fernández e David Regades.

Artigos relacionados

Back to top button