DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Percorrendo a Serra Calva, na edición de outono das “Cores de Trevinca”

Publicidade
Unhas 14 persoas participaban nesta actividade polo teito de Galicia, organizada polo Club de Montañismo Montañas de Trevinca e polo Concello da Veiga

Cunha mañá de néboa, pero que lle daba un engado especial ao Macizo de Trevinca, atopábanse os participantes na edición de outono de “As Cores de Trevinca”. Tratábase dunha ruta circular que se desenvolvía o día 4 de novembro. O programa encetábase ás 10h. cunha charla explicativa no Centro de Interpretación da Montaña de Trevinca (Ponte).

Alí as 14 persoas que se sumaban a esta actividade recibían explicacións do percorrido que logo ían realizar, mencionando cuestións da serra como as súas pegadas glaciares, a arquitectura popular, así como normas técnicas sobre o equipo e datos xerais sobre as montañas de Trevinca.

Despois desprazábanse ata o punto de saída, a Lagoa das Tablillas, para iniciar a pé un traxecto que pasaba pola Veiga do Couto, Mallada de Baños, A Paraxe, Val da Cerva e Mallada dos Currais ata voltar ao punto de inicio. Entre os camiñantes había persoas de fóra, pero tamén do municipio da Veiga. “Este é un xeito de ir introducindo á propia xente da zona para o que saiban o que hai aí enriba”, explica dende a organización desta iniciativa, en mans do Club de Montañismo Montañas de Trevinca (A Veiga) e do Concello.

Fotos: Club de Montañismo Montañas de Trevinca (A Veiga).

Artigos relacionados

Back to top button