En portadaÚltima hora

O Periódico O Sil, na Comisión Europea

Forma parte nunha delegación de medios galegos e portugueses que visitan, a iniciativa do Eixo Atlántico, as institucións europeas e que mantiña un encontro co comisario de Axuda Humanitaria e Xestión de Crises

Sobre os recentes incendios forestais que asolaban Galicia e Portugal vén de manifestarse o comisario europeo de Axuda Humanitaria e Xestión de Crises, Christos Stylianides, nun encontro mantido en Bruxelas cunha delegación de medios de comunicación destas zonas, entre os que figura o Periódico O Sil. Esta visita estase realizando a través do Eixo Altántico.

Na súa intervención Stylianides aludía, neste senso, a unha proposta que se vén a presentar na Comisión de cara a poder dar unha resposta colectiva a este tipo desastres naturais, así como a outros como os causados polas inundacións. “O cambio climático ten suposto unha modificación moi importante neste tipo de situacións sobre o terreo. O cambio climático está aí e estamos comprobándoo en diferentes rexións dentro dos Estados membros como é o caso de España, Portugal, Francia… ou incluso en Groenlandia, onde temos coñecemento por primeira vez da existencia de incendios forestais”.

O novo mecanismo que se pretende desenvolver para responder de xeito conxunto e eficaz na Unión Europea aos desastres naturais denomínase “Rescue” e básease en dous piares, tal e como adiantaba o comisario europeo. O primeiro deles refírese a unha “rede de seguridade que nos permitirá actuar cando as capacidades nacionais non sexan suficientes. Iso significa que ningún Estado vai estar só fronte a unha crise”, se ben matizaba que “en ningún caso este mecanismo vai substituír ás responsabilidades locais ou nacionais”.

O segundo piar deste novo sistema estaría baseado na “preparación e na prevención porque, por riba de todo, a solidariedade vén xunto coa responsabilidade. A preparación e a prevención constitúen a pedra angular dunha boa resposta ante os desastres naturais”, segundo o comisario europeo.

Artigos relacionados

Back to top button