ConcellosO BarcoÚltima hora

Philip Minchom: “A miña impresión do Barco de Valdeorras é moi positiva”

O Especial Santa Rita do Periódico o Sil inclúe unha reportaxe sobre o libro que este veciño do Barco e natural de Newcastle (Inglaterra) escribiu sobre esta vila valdeorresa

Philip Minchom, autor do libro “La Barca en el Río del Valle de Oro”. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

A relación de Philip Minchom (natural de Newcastle no nordeste de Inglaterra) coa comarca de Valdeorras remóntase máis de corenta anos atrás, cando casou con Mª Teresa Arias, natural do Barco. Cada ano dende entón pasaban tres semanas coa familia da esposa, comezando unha relación “de por vida coa área, que me proporcionou un coñecemento máis íntimo dalgunha parte no estranxeiro que polo xeral só se consegue a través do turismo ou das viaxes”, en palabras do propio escritor.

O inglés e a galega do Barco, viviron en diferentes pasíses por cuestións de traballo, sempre coa idea de asentarse no Barco cando se xubilase. Cumprindo ese desexo, hai xa catorce anos chegaron a Valdeorras para quedar e despois dunha vida moi activa, traballando e viaxando por toda Europa, Philip non tiña a intención de perder o tempo mirando para a televisión polo que decidíu poñerse a escribir. Así nacía The Barque on the River of the Valley of Gold, un libro en inglés publicado hai case dez anos que durante a pandemia pudo ser traducido grazas a un amigo de Philip, Jean-Luc L’Hermitte (como el estranxeiro casado cunha española e residente en Burgos) saíndo a versión en castelán La Barca en el Río del Valle de Oro hai apenas un mes, dispoñible en Amazon tanto na versión de peto como na de Kindle.

 

Philip Minchom durante na redacción do Periódico O Sil. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Tal como explica o propio autor, “esta modesta obra non é unha novela, nin unha biografía, nin tampouco unha guía de viaxes, é a miña compilación de memorias, observacións, historias e datos persoais extraídos da miña propia experiencia. Unha extensión das notas feitas nas últimas dúas décadas, da vida e historia da familia, das persoas que viven aquí e da rexión en si”. Ao longo das páxinas, Minchom fala de como vive a xente, do que come, do que bebe, como desfruta, da lousa… “describo a zona dende o meu punto de vista, son as miñas impresións, non é máis ca iso”, di modesto, asegurando que non é un libro para gañar o Premio Pulitzer “pero si é un libro persoal, sobre a miña vida e vinculación coa vila, as súas xentes e o seu entorno”.

O artigo completo pode lerse no Especial Santa Rita do Periódico O Sil, á venda en quioscos e librarias do Barco de Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button