En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Plataforma da Sanidade Pública de Valdeorras reactívase para loitar contra a reforma da Lei de Saúde

Na reunión celebrada no Barco acordaba emitir un comunicado pedindo a retirada do anteproxecto de reforma e establecer un calendario de actos para informar á poboación

Logo de case hora e media de reunión no edificio multiusos do Barco, a Plataforma da Sanidade Pública de Valdeorras acordaba na tarde do 16 de agosto posicionarse en contra do anteproxecto que modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia. Na xuntanza, cuxo turno de intervencións abría o concelleiro de Sanidade do Barco e tamén médico Orlando Saavedra, analizábnase os cambios que implica este texto normativo e as consecuencias negativas que tería para a área sanitaria de Valdeorras, que desaparececía xunto con outras galegas como a de Monforte ou da Mariña lucense, para converterse nun distrito.

“Vai haber un cambio na organización territorial e está claro que o Hospital Comarcal Valdeorras non o van pechar, pero vai perder capacidade de decisión e o nivel de calidade na atención sanitaria vai baixar e non sabemos ata onde. Tamén desaparecerá a participación cidadá”, aseguraba o edil, quen explicaba ademais o acordo xa tomado na Comsión de Sanidade do Barco esa mesma mañá para pedir a retirada do anteproxecto.

A partir de aí interviñan representantes de concellos como Petín e Vilamartín, o alcalde do Barco, así como membros da Xunta de Persoal do hospital Barco, como Víctor Pariente e Suso Vilasánchez, e tamén da Xunta de Persoal do hospital de Ourense, entre outras persoas. Finalmente acordábase emitir un comunicado amosando o rexeitamento da plataforma do anteproxecto e pedindo a súa retirada, así como formar un grupo de traballo de cara a informar á poboación da área sanitaria valdeorresa da situación e tamén para mobilizala xa neste mes de agosto.

A xuntanza reunía a un cento de persoas entre as que había alcaldes e concelleiros do Barco, da Rúa, de Petín, de Manzaneda, Trives, Vilamartín ou A Veiga, así como persoal do ámbito da sanidade, representantes empresariais de Valdeorras e de diversas entidades sociais do oriente ourensán e de sindicatos.

Fotos: A.R.

Máis información:
https://osil.info/barco-pedira-retirada-anteproxecto-de-reforma-da-lei-de-saude-de-galicia/

https://osil.info/plataforma-sanitaria-de-valdeorras-chama-mobilizacion-reforma-da-lei-de-saude-galega/

Artigos relacionados

Back to top button