ConcellosParada de SilÚltima hora

Positivo remate da tempada turística en Parada de Sil con máis de 34.000 visitas

O Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil segue a ser o motor de atracción de visitantes

Romaría de San Bieito no Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil en xullo deste ano./ Foto cedida.

 

Rematada a tempada turística “Parada de Sil volveu ser, un ano máis, un motor moi importante na atracción de visitas a Ribeira Sacra cunha afluencia computada dende o 19 de marzo ata o 12 de decembro de 34.819 persoas”, aseguran dende o Concello destacando que, engadindo á persoas que acoden nas datas nas que non se computan “poderiamos falar unha vez máis de preto de 50.000 visitas”.

O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, destaca que o bus lanzadeira tanto en Semana Santa como nos meses de xullo, agosto e parte de setembro “funcionou sen ningún tipo de problema polo que a nosa idea é voltar a polo en funcionamento no vindeiro ano coa colaboración xa comprometida da Deputación de Ourense, na procura dun turismo sostible e no camiño da descarbonización o evitar que centos de coches particulares accedan ao Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil”.

De feito, o Mosteiro segue a ser o motor de atracción de visitantes ao municipio sendo, xunto co Museo de Chocolate e a Oficina de Turismo, os lugares onde se fai o cómputo “e aos que se fose posible se podería engadir a Pasarela do Mao”, din dende o Concello. Ademais, dende a Oficina de Turismo destacan o forte tirón que teñen tanto as rutas de sendeirismo como a Necrópole de San Víctor de Barxacova.

 

Bus-Lanzadeira ao Mosteiro de Santa Cristina (Parada de Sil).

 

Con respecto á ocupación hoteleira “os días de ponte foi superior ao 85% en todo o municipio e a estancia media pode fixarse en tres noites”, din dende o Concello. Fernando Souza, coordinador da Oficina de Turismo pola súa banda, puntualiza que “un dos días de maior afluencia ao Mosteiro é o luns, en tempada alta, o que se pode interpretar como que ese día hai máis facilidades para comer nun dos catro restaurantes que funcionan no concello”.

En canto á procedencia dos visitantes, a nivel autonómico a provincia que menos aporta é Lugo, mentres que a nivel nacional as comunidades que máis visitantes aportan son Madrid, País Vasco, cun impotante número  tamén de Barcelona e Valladolid, sendo a nivel internacional Francia e Portugal os países que máis visitantes aportan, “cun aumento con respecto a outros anos de visitantes de Alemania e Reino Unido”, puntualizan dende o Concello de Parada de Sil.

Artigos relacionados

Back to top button