SanidadeÚltima hora

Posta en valor do voluntariado hospitalario, no marco do Día Internacional dos Voluntarios

O Programa de Acompañamento nos Hospitais e Centros de Saúde é unha iniciativa de humanización que consiste na realización, por persoas voluntarias, de actividades de acompañamento e apoio

Entrada do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A mediados de febreiro de 2020, a cuberta saudable do Hospital Universitario de Ourense acollía a presentación do programa de acompañamento nos hospitais e centros de saúde, foi a última durante un longo período de tempo, no que o coronavirus foi o centro, agora coincidindo co Día Internacional do Voluntariado, o Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras fai un chamamento para recuperar a iniciativa.

O programa, xestionado mediante un convenio coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social, oferta diferentes actividades que poden realizar os voluntarios e voluntarias, desde acompañamento en programas específicos e actividades lúdicas, como de participación social, de apoio ou relacional —conversación, paseo ou lectura— desenvolvidas por cada hospital ou centro de saúde.

«As horas no hospital fanse moi longas», di Belén Piñeiro, xefa do servizo de Atención ao Paciente e Humanización. Trátase de compartir o teu tempo, falando, leendo, escoitando música, paseando… «Queremos facer un chamamento á xente que pode facer ese acompañamento, porque hai moitas necesidades sobre todo en xente maior», indica.

O valor da compañía

O Programa Acompañamento nos Hospitais e Centros de Saúde é un proxecto de humanización que consiste na realización, por persoas voluntarias, de actividades de acompañamento e apoio á información aos usuarios/as, ou achegados dos que reciben asistencia sanitaria nalgún centro sanitario público do Servizo Galego de Saúde.

Estas actividades voluntarias enmarcaranse dentro dos diferentes programas que se desenvolven, ou promovan no futuro, nas distintas áreas sanitarias, dentro do programa marco de humanización de hospitais e centros de saúde públicos. O obxectivo principal do programa é mellorar a experiencia do paciente no seu contacto coa asistencia sanitaria, e en paralelo, o enriquecemento persoal das persoas voluntarias que participen na mellora do benestar das persoas usuarias.

Para Belén Piñeiro “Dentro das organizacións sanitarias, o voluntariado pode ser unha canle de participación da sociedade na organización de saúde”, dí , “cunha finalidade de mellorar, de dar soporte, calidez e de sumar, co obxectivo claro de facilitar a estadía das persoas nos centros sanitarios”.

As posibilidades de participar son moitas “realizando acompañamentos as persoas que se atopan ingresadas en calquera dos nosos Hospitais, con carencias na rede social” ainda que tamén, resalta PIñeiro “ para dar un relevo e facilitar o descanso do coidador principal ou acompañante”. Trátase de colaborar na realización de actividades lúdicas, que melloren a experiencia da hospitalización, que sempre está rodeada dunha importante vulnerabilidade.

Romper o illamento

Unha das claves é romper o illamento dos pacientes ingresados, sen familia ou rede social. Pero tamén colaborar coas familias no acompañamento dos pacientes, e contribuir a dar tranquilidade e apoio aos pacientes ambulantes, que descoñecen o centro ou presentan dificultades para transitar por el.

Belén destaca que todo aporta “adaptámonos aos voluntarios e ao que eles desexen compartir, o seu tempo, a súa experiencia nas mais diversas tarefas, a música, a súa língua, o baile, a súa cultura, o seu coñecemento das plantas, o seu maxisterio nas cousas do campo, a súa arte… todo ten acollida e é benvido”, alí onde se precise, ou onde se adapte mellor as posibilidades ou desexos dos e das voluntarias, seu propio centro de saúde, nun servizo concreto do hospital elixido, desde os hortos terapéuticos ou acompañar nunha andaina cardiosaudable.

Inscríbete como voluntaria/o: Programa Acompañamento nos Hospitais e Centros de Saúde Programa Acompañamento nos Hospitais e Centros de Saúde de Galicia 2020 | Voluntariado Galego.

Artigos relacionados

Back to top button