OurenseÚltima hora

Prado (Sande) celebrará a festa gastronómica da carne ao caldeiro o 30 de abril

Esta aldea do municipio de Cartelle na que apenas residen 30 veciños pretende reunir arredor de 200 comensais nesta cita

 

O vindeiro sábado día 30 de abril a localidade de Prado, na parroquia de Sande (Cartelle), celebrarará a Festa da Carne ao caldeiro, unha cea popular que tradicionalmente se facía conxuntamente coa festividade da Santa Lucía, patroa da aldea, no mes de decembro, pero que por mor da pandemia tivo que ir retrasándose.

Na xornada gastronómica, na que colabora a AC Entroido As Bonitas de Sande e o Concello de Cartelle, ademais de ao redor dunha trintena de diferentes anunciantes, os comensais poderán degustar un menú a base de empanada de carne de raza cachena, carne ao caldeiro de tenreira con patacas cocidas e chourizos cocidos ao viño, pan, viño, refrescos, bica e licores variados. Todo elo por 15 euros, tal e como informa a organización.

As entradas poden reservarse ata o vindeiro xoves, 28 de abril, no teléfono 669 563 241. O xantar terá lugar baixo unha carpa a partires das 21,00 horas. Ao remate, tomará relevo a actuación dun grupo orquestral e animación musical ata altas horas.

“Contamos con chegar ao redor de 200 comensais nunha aldea que apenas chega aos 30 residentes habituais. Xa temos reservadas máis da metade do aforo”, comenta Manuel Bande, organizador do evento. “Estou moi agradecido a todos os colaboradores que fan posible esta festa e agora só queda agardar que sexa un éxito”, engade.

 

 

Percorrido turístico

A gastronomía pode ser a excusa perfecta para descubrir a parroquia de Sande, din tamén os promotores da festa. “Unha boa opción antes de repor forzas co menú, é facer algunha das rutas habilitadas da parroquia de Sande: a ruta do río Gato, a do Castelo ou ambas, xa que teñen un punto de unión e percorrido circular. Patrimonio popular, fermosas veredas, soutos, o descurrir do río Gato e o seu canón, muíños… son algún dos seus atractivos. Tamén se pode descubrir a Torre de Sande, coñecido como Castelo polos veciños, o pazo de propiedade privada, o núcleo poboacional do mesmo Sande coa súa igrexa, ou a recoleta capela de Parvón”.

A esta parroquia pertencen as máscaras das Bonitas, que ultimamente co seu Entroido están gañando forza grazas o intensa labor de recuperación comezada fai anos pola Asociación de Veciños O Castelo e retomada fai catro anos pola AC Entroido As Bonitas de Sande.

Artigos relacionados

Back to top button