Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

“As preferentes foron unha cadea de enganos”

O xornalista Andreu Missé presentaba no Barco o seu libro “La gran estafa de las preferentes”

“Non é algo que empezou de forma accidental no 2007, senón hai xa 18 anos”. Deste xeito se refería o xornalista e avogado Andrés Missé no Barco á problemática das preferentes en España. Facíao na tarde do 17 de outubro no salón de actos do edificio multiusos da vila na presentación do seu libro “La gran estafa de las preferentes”. O acto foi presentado polo edil de Riada Cidadá, Félix García, quen aseguraba que nesta obra dáselle “voz aos desfavorecidos e aos defraudados por este proceso”.

De seguido, Missé lembraba as primeiras informacións que, anos atrás, lle chegaban sobre as preferentes. “Souben que había moitísima xente afectada, persoas maiores, con aforros reunidos ao longo de toda a súa vida e que non dicían nada por vergoña. Iso foi o primeiro que me impactou. Foron descubrindo individualmente que non podían dispoñer deses cartos que tiñan gardados para imprevistos, iso supuxo un verdadeiro trauma. Eran un millón de afectados, entón empecei a estudar isto”.

Ademais enumeraba “a cadea de enganos das preferentes” e resaltaba o problema da “asimetría da información, ¿por que os cidadáns teñen tan pouca información con respecto a eses produtos con respecto á que manexan os bancos?”. Missé tamén aludía á importancia das mobilizacións das persoas afectadas, “algo que permitiu que moitos recuperaran o seu diñeiro”. Asemade esas mobilizacións “concienciarion aos xuíces, houbo un cambio na xudicatura e o 95% das sentencias son a favor dos aforradores. O problema é que só reclaman un 5% dos afectados”. Neste libro sobre as preferentes, de preto de 500 páxinas, Missé inclúe unha parte analítica e outra de testemuñas.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button