O xurado do XXXVI Premio “Blanco Amor” de novela longa, reunido na tarde do 25 de novembro no Centro Cultural “Marco Valcárcel” da Deputación, acordou declarar deserta a presente edición, ao abeiro da cláusula oitava das bases reguladoras da convocatoria, que establece que poderá declararse deserto o premio de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado.
A acta do xurado recolle: “Unha vez rematada a deliberación, consideramos que ningún dos vinte orixinais presentados alcanza a calidade literaria necesaria para ser premiado. Sabedores do prestixio e traxectoria do galardón, somos conscientes de que un premio que leva o nome de Eduardo Blanco Amor debe procurar, como único obxectivo, a excelencia literaria”.
O xurado estivo integrado por Luis González Tosar, presidente; Alba Cid Fernández, secretaria, e como vogais Xosé Carlos Caneiro, César Lorenzo Gil e Montse Pena Presas.