ConcellosEn portadaO BarcoÚltima hora

Preocupación no Barco polo lento avance das obras da estrada de circunvalación

O concelleiro barquense de Riada Cidadá preguntáballe no pleno deste xoves ao alcalde sobre esta cuestión

 

Sobre a situación actual das obras da conexión entre as estradas N-120 e N-536 (tramo Sobradelo-O Barco de Valdeorras), a coñecida como circulavación, preguntaba no pleno do Barco o concelleiro de Riada Cidadá, Félix García. “Vese que non se avanza na estrada, sobre todo na zona do túnel, e hai partes onde xa non se ve xente traballando”, sinalaba na sesión plenaria celebrada na tarde do 6 de maio pola Corporación barquense.

 

O alcalde do Barco, Alfredo García, contestando á pregunta do edil de Riada Cidadá (de costas na imaxe)./ Foto: A.R.

 

Ante a pregunta o alcalde do Barco, Alfredo García, sinalaba que se está a traballar nunha das bocas do túnel, “no resto non. Pola información que eu teño, non se trata dun problema económico, porque no orzamento hai cartos suficientes, senón dunha cuestión de discrepancias nos proxectos, e espero que iso se resolva en breve para que a obra continúe. Non se poden perder estes meses porque son importantes para realizar os movementos de terra”.

Esta obra é importante polo que supón esta infraestrutura para a comarca de Valdeorras, pero tamén polos efectos económicos (tanto na hostalaría como en alugueres) que os empregos ligados a ela teñen en poboacións como O Barco.

 

As obras, segundo o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

Dende o Periódico O SIL vén de preguntarse ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) sobre o retraso nestas obras. A resposta deste organismo é que “as obras da conexión entre as estradas N-120 e N-536 atópanse en execución. Actualmente estase traballando no movemento de terras, concretamente no terraplén situado na contorna do nó de conexión coa N-536 e a escavación do emboquille Sur do túnel de O Serro. Nos últimos meses, ademais de no movemento de terras, estívose traballando no tratamento xeotécnico de sostemento do emboquille Norte do túnel, así como en traballos de estabilización en desmontes. Na actualidade hai 5 máquinas, 8 camións e 25 persoas (en obra e técnicos das empresas) nos tallos de terras, túnel e sinalización de desvíos”.

Artigos relacionados

Back to top button