
O edificio multiusos do Barco acollerá o vindeiro venres 24 de febreiro ás 20h. a presentación do libro “Contra el diagnóstico: desmontando la enfermedad mental” (Ed. Rosamerón), de Marcos Obregón. Trátase dun ensaio “persoal e valente” no que o autor relata as súas emocións e reflexións. A súa intervención, ademais de para presentar a súa obra, permitirá iniciar un debate cos asistentes sobre saúde mental. Esta presentación está organiza por AFEM Morea en colaboración co Concello do Barco e promove Ágora, entidade que deseñou o evento.
Para Alfonso Díaz, Director de AFEM Morea, o obxectivo deste acto é, principalmente, “dar voz aos protagonistas de trastornos mentais que non sempre teñen a oportunidade de poder o seu testemuño, como sucede no caso de Marcos Obregón a través do seu libro”.
Segundo Orlando Saavedra, concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Saúde do Barco, os actos que favorecen a integración social das persoas afectadas por un problema de saúde mental deben formar parte da axenda do municipio de maneira natural.
Para Teresa Blanco e Roberto Cereijo, activistas culturais de Ágora e promotores do evento, é necesario “poñer o foco na saúde mental xa que esta é fundamental para o correcto funcionamento e benestar da sociedade. Denuncian o estigma que padecen as persoas que sofren dalgún problema de saúde mental e en particular, as que teñen algún diagnóstico psiquiátrico, como o trastorno bipolar”.