En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Preséntanse os efectivos da Garda Civil despregados en Ourense para a loita contra os incendios

O acto tiña lugar na Gudiña e contaba coa presenza do delegado do Goberno en Galicia e do vicepresidente da Xunta, entre outras autoridades

Ata finais de verán estará en marcha o operativo que ten despregada a Garda Civil na provincia de Ourense e en Galicia para colaborar na prevención e loita de incendios forestais. Así o explicaba o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, no acto de presentación que tiña lugar na mañá do 14 de xullo na Gudiña. Nesta visita estaba acompañado polo Xeneral Xefe da 15 zona da Garda Civil, Ángel Alonso; polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; polo subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; e polo tenente coronel da Garda Civil na comandancia de Ourense, Manuel Novo, xunto con outras autoridades, entre as que tamén estaba o alcalde da Gudiña, José Manuel Lago.

Neste acto presentábase o escuadrón de cabaleiría da Garda Civil, integrado por 6 xinetes e con sede en Verín, xunto co helicóptero de reforzo; así como unha patrulla do SEPRONA composta por dúas motos; utras dúas motos de Tráfico, unha patrulla de GRS, outra de seguridade cidadá e un equipo de investigación. Todos eles forman parte do dispositivo que desprega a Garda Civil dentro do Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga).

“A principal tarefa destes escuadróns de cabaleiría é a de vixiar as masas forestais das súas áreas de traballo para previr e detectar a aparición de incendios forestais”, sinalaba Santiago Villanueva. Asemade incidía na importancia destas unidades xa que “posúen unha versatilidade da que non dispoñen outros medios de transporte como coches. Resultan especialmente eficaces á hora de acceder a lugares de difícil acceso tanto para labores de prevención como de posterior investigación en caso de producirse incendios forestais”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacaba esta colaboración en materia de prevención e loita contra o lume, e apuntaba que esta mesma colaboración tamén se traslada ao Camiño de Santiago, onde os axentes traballan en cooperación para garantir a seguridade dos peregrinos. No caso en concreto da unidade de cabalería da Garda Civil presentada hoxe, dous dos seus escuadróns (os que teñen base en Sarria e Santiago de Compostela) encargaranse ademais de labores de vixilancia e protección daquelas persoas que están a realizar o Camiño.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis fotos:
https://osil.info/presentacion-na-gudina-dos-efectivos-da-garda-civil-na-loita-contra-os-lumes-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button