Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Preséntase a candidatura socialista ás eleccións municipais na Mezquita

O cabeza de lista, José Rodríguez, resalta que o seu equipo está formado por “xente moi preparada e con gran ilusión” para “sacar a este municipio da súa parálise”

Máis dun cento de persoas acudía na tarde do sábado 4 de maio á presentación da candidatura coa que o PSdeG-PSOE se presentará ás vindeiras eleccións municipais na Mezquita. O acto comezaba coas intervencións de diversos representantes do partido como Juan Carlos Francisco e Marina Ortega (recentemente electos como senador e deputada, respectivamente, por Ourense, respectivamente) e o rexedor barquense, Alfredo García, que daban paso ao candidato socialista á alcaldía da Mezquita, José Rodríguez, quen avanzaba algúns dos proxectos polos que apostan para mellorar e desenvolver este municipio.

Entre eles, Rodríguez citaba na necesidade “urxente de solucionar a problemática da auga, que, ao non chegar pola súa propia caída, está supoñendo un gasto enerxético considerable para o Concello. Na serra temos auga en abundancia e haberá que buscar unha solución alternativa para traela co mínimo custo”. Referíase ademais a que este concello “está moi distante das ambulancias, deberíamos contar cun par de ambulancias con servizo permanente aquí ou ben compartido cos concellos da Gudiña e de Viana, que tamén teñen este problema”.

José Rodríguez indicaba ademais a necesidade de finalizar obras como o “soterramento da luz en Chaguazoso, xa que está a instalación feita pero non se meteu” e de acometer o arranxo de camiños e “o desbroce de montes, porque aquí vivimos das castañas e do gando, e, desa maneira, evitaríanse os incendios e aproveitaríase esas zonas para o pasto”. Tamén consideraba necesario realizar unha limpeza de árbores nos ríos e apostar polo turismo, “tendo en conta que está zona está moi ben comunicada, contamos con boas infraestruturas hostaleirase temos lugares moi interesantes de montaña e recursos para visitar”.

O acto concluía coa presentación das persoas que integran a lista do PSdeG-PSOE nestas eleccións municipais, ás que ía nomeando unha para que o acompañasen en pé, como broche da presentación.

Fotos cedidas.

Candidatura socialista na Mezquita

 

 

Artigos relacionados

Back to top button