Na tarde do venres 12 de agosto, dentro da programación do verán cultural en Viana do Bolo, presentábase na Casa da Cultura o libro do vianés Jesús García ‘Cuaderno de Viana’. Foi nun acto que contou coa presenza do alcalde de Viana, Andrés Montesinos e do historiador e etnógrafo Juan Antonio Pinza (un dos colaboradores cos que contou para a publicación do libro) que tralas súas intervencións acompañaron ao resto do público mentres o autor debullaba o contido da obra acompañado por unha proxección audiovisual.
O volume reúne un total de 75 historias e lendas de diferentes etapas históricas da zona de Viana do Bolo e concellos próximos. Trátase dun traballo de 570 páxinas en cor e en branco e negro, con 832 fotografías e ilustracións, 75 capítulos de diverso contido histórico, cultural, de personaxes e sucesos do século XIX e XX da comarca. Contou cun equipo de 72 informantes vianeses que facilitaron ao autor información e fotografías, moitas delas inéditas, que se expoñen por primeira vez.

Con esta presentación Jesús García reencontrábase coa súa vila natal coa que, malia vivir en León, mantén un forte vínculo, sentindo a cercanía “con moitos entusiastas do libro”, di, recoñecendo satisfeito que moitas persoas levaron varios exemplares para outros familiares.
Fotos: José Luis Ortiz.