DeportesÚltima hora

Preséntase no Barco o club de pesca deportiva Spinning Valdeorras

Conta con 64 socios e fomenta a pesca responsable para adultos e cativos

 

Sociedade de Pesca Fluvial Valdeorras, Mil Ríos e agora tamén Spinning Valdeorras. Dende hai uns meses a comarca conta cun novo club federado que fomenta a pesca deportiva e que era presentado no Barco na tarde 28 de febreiro.

Con 64 socios (entre eles unha decena de cativos), trátase dun dos clubs máis numerosos de Galicia e a directiva está formada por Daniel Prada (presidente), Borja Castro (tesoureiro), Alejandro González (secretario), Santiago Blanco (vogal), Eladio Fernández (vogal) e Juan Fernández (vogal). Entre os obxectivos para a tempada que comezará o 15 de marzo, teñen facer saídas de pesca (tanto en auga doce como salgada, ben sexa nunha quedada instructiva de iniciación como en competición), organizar cursos e obradoiros e sobre todo “desfrutar do río e do deporte”, fomentando unha pesca responsable e creando unha escola na que “aprender aos máis pequenos un deporte san e respectuoso co  entorno e os máis veteranos aprender uns de outros e seguir crecendo como pescadores”.

 

Entregando a camiseta do club a un dos socios.

 

Tal como explicaron na presentación, trátase dun club de pesca deportiva “para todos e todas”, que nace coa idea de demostrar que o río é un lugar para “practicar o deporte da pesca, estar ao aire libre, desfrutar da compañía e pasar bos ratos”, dixo o presidente Daniel Prada.

Na presentación tamén acordaron facer unha quedada previa ao comezo da tempada, para limpar de plásticos as marxes do río Sil, aproveitando o acto para entregar aos socios, unha tarxeta identificativa, unha pegatina e unha camiseta co logo do club e os anagramas dos colaboradores.

Máis información na vindeira edición de O Sil Deportivo.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button