CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Preséntase no IES Carlos Casares de Viana o concurso ‘ParqueVibras’ para dar a coñecer os parques naturais

O delegado da Xunta en Ourense Manue Pardo animou a ao alumnado de 3º e 4º da ESO a participar na primeira edición deste certame

 

Na mañá deste martes 17 de decembro, o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaba o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, para animar ao alumnado de 3º e 4º da ESO a participar na primeira edición do concurso ParqueVibras, organizado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que ten como finalidade “inspirar aos mozos a reflexionar sobre o valor e a importancia dos 6 parques naturais de Galicia (Fragas do Eume; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Baixa Limia-Serra do Xurés; O Invernadeiro; e Enciña da Lastra) a través da realización de vídeos orixinais para Instagram, TikTok ou YouTube.

O delegado territorial explicou hoxe a iniciativa, que conta cunha páxina web propia para canalizar toda a información dispoñible e xestionar as inscricións dos participantes, que se poderán facer tamén a través do centro educativo. Neste sentido, explicou que o prazo para poder participar, de forma individual ou en grupo, xa está aberto e permanecerá así ata o próximo 3 de marzo. Os vídeos propostos deberán incluír no momento da súa publicación en calquera das tres redes sinaladas os seguintes hashtags obrigatorios: #ParqueVibras, #ConcursoNaturezaGalicia e #DescubreParquesGalicia.

 

 

Así mesmo, o representante do Goberno galego indicou que “aínda que a temática terá que estar relacionada en todo caso coa Rede de parques naturais de Galicia, os participantes terán liberdade para xestionar os contidos, que poderán incluír imaxes dalgunha ruta peonil, bailes, gráficos ou memes, entre outros elementos”. Haberá tres categorías: creatividade, viralidade e valor divulgativo. O día 22 de abril daranse a coñecer os 12 finalistas (4 para cada unha delas) e a partir de aí escolleranse os 3 vídeos premiados tendo en conta cal foi a proposta máis orixinal, a que recibiu un maior número de likes e a que contribúe a difundir mellor os valores do noso patrimonio.

O concurso finalizará cunha gala de entrega de galardóns prevista para o 24 de maio, coincidindo coa celebración do Día Europeo dos Parques Naturais, e os tres gañadores recibirán como premio unha excursión guiada a un destes espazos protexidos para todos os alumnos da súa clase. Ao respecto, Manuel Pardo salientou que “o obxectivo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático con este concurso é dar a coñecer o patrimonio natural galego entre o alumnado galego de Ensino Secundario”.

Neste sentido, salientou a importancia deste tipo de actividades, que animan a participar á xuventude apelando ao seu lado máis creativo e aos seus coñecementos sobre as redes sociais para sensibilizalos e “espertar a conciencia ambiental” das novas xeracións sobre a riqueza do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button