
Unha análise da figura de Vicente Risco dende a súa perspectiva como mestre, profesión na que ingresou en 1916 e se xubilou en 1954, é o que ofrece ao lector o libro ‘Vicente Risco, mestre de mestres’, do doutor en Pedagoxía, Xosé Fernández.
A presentación da publicación tiña lugar na mañá do 12 de novembro no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense e que contou coa asistencia do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do autor do libro; do responsable da sección de Educación da Fundación Vicente Risco, Xosé Cid; e do presidente da Fundación, Luís Martínez Risco.
A obra estrutúrase en sete capítulos ao longo de máis de 500 páxinas, nos que se explican as diferentes etapas da vida e do labor docente de Vicente Risco, dende a súa crianza, escolarización e anos de instituto e Universidade, ata cuestións relacionadas co Risco e a lingua, a literatura popular, o Risco no Seminario de Estudos Galegos e finalmente o Vicente Risco como formador de mestres.
No mesmo acto presentouse ademais un avance das Xornadas Pedagóxicas 2016, que se celebrarán o vindeiro ano na Deputación de Ourense, “nas que se conmemorará o centenario do ingreso de Vicente Risco na Escola Normal de Maxisterio de Ourense e analizaranse aspectos das Irmandades da Fala e da renovación pedagóxica”, segundo apuntou Luis Martínez Risco.