DeportesÚltima hora

Preséntase o X Trofeo Arcobarco

A tirada celebrarase o 23 e 24 de outubro e contará coa elite internacional do tiro con arco
Presentación do X Trofeo Arcobarco. /Foto: Mónica G. Bellver
Presentación do X Trofeo Arcobarco. /Foto: Mónica G. Bellver

Despois do éxito da pasada edición, coa participación de arqueiros de elite internacional como Michael Cauwe que batía no Barco un récord mundial absoluto, este ano o Arcobarco decidiu ampliar a presenza internacional na súa tirada de sala. Así o aseguraba o presidente do club barquense, José Manuel Fernández, na presentación da X edición do trofeo que se celebrará os días 23 e 24 de outubro.

Entre os tiradores que se darán cita no pavillón de Calabagueiros estará de novo o belga Michel Cauwe, os italianos Federico Pagnoni e Anastasia Anastasio, o suízo Patricio Hoffer (adestrador do equipo nacional), o finlandés Mikko Juutilainen, e varios tiradores portugueses, así como os nacionais de primeiro nivel como Alberto Blázquez (seis veces campión de España e tirador no circuíto internacional) ou Víctor Canalejas (actual campión de España), entre outros.

Con respecto ao formato da tirada, “a nosa idea é que a xente que veña, unhas 250 persoas entre tiradores e acompañantes, estén toda a fin de semana no Barco polo que a tirada arrancará o venres e continurá ata o domingo”, dixo o presidente do Club Arcobarco. Deste xeito, o programa abrirase o venres 23 de outubro con adestramentos libres pola tarde, o sábado será a tirada propiamente dita coas series clasificatorias pola mañá, as eliminatorias a partires das 15h. e as finais en torno ás 20h, e xa o domingo haberá unhas xornadas de perfeccionamento técnico.

Despois de nove edicións o Trofeo ArcoBarco, homologado pola Federación Internacional de Tiro con Arco, ten xa certa repercusión. “É unha proba que gusta moito á xente, de feito, as 96 prazas dispoñibles, cubríronse nas primeiras 16 horas dende que saíu a convocatoria”, dixo José Manuel. O alcalde do Barco, Alfredo García pola súa banda, destacou na presentación o labor do club e dos promotores da proba, facendo fincapé na repercusión económica e turística que trae consigo este tipo de actividades. “A xente que veña estará aquí a fin de semana e despois falará do Barco nos seus respectivos países e iso é importante dende o punto de vista da promoción turística”.

Artigos relacionados

Back to top button