Nesta mañá de 22 de xullo tiña lugar a presentación do 53 Rallye de Ourense-Ourense termal, coa participación do presidente da Escudería Ourense, Julio Bouzo; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; e o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Jorge Pumar. A proba comezará este vindeiro venres, 24 de xullo, e a totalidade dos tramos terán lugar o sábado.
Julio Bouzo agradecía ás forzas e corpos de seguridade, aos voluntarios e a todas as persoas implicadas na organización do rallye, “o labor que realizan”, así como o apoio da Xunta de Galicia, Deputación e Concello de Ourense, e aos municipios de Barbadás, Toén, Amoeiro, Boborás, Castrelo de Miño, O Irixo, Maside e A Peroxa, pola súa cooperación, xunto a todos os patrocinadores.
O presidente da Escudería Ourense, Julio Bouzo, recoñecía que “levo 46 anos no rallye e este é o máis duro. En primeiro lugar porque nos falta José Ramón González, aínda que teño que agradecerlle a Jano Fraga o traballo que está a desenvolver”. Explicou que a organización, en marzo, tiña o rallye preparado, pero “chegou a pandemia e con numerosas videoconferencias durante tres meses, finalmente, podemos celebrar a proba esta fin de semana cunha inscrición sensacional”. Así, hai 33 pilotos ourensáns na liña de saída, con ampla representación das escuderías Ourense e Barbadás.
Ademais, recordou e recalcou o uso de mascarilla e o cumprimento da distancia de seguridade para asistentes e participantes, “non somos egoístas, somos responsables e conscientes de que do Campionato de España, a proba de Ourense é a que máis anos leva celebrandose. Este ano tiñamos un motivo maior que era o de homenaxear ao noso compañeiro, José Ramón González, e tamén somos un elemento dinamizador da economía ourensá”.
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández defendía que “o rallye sí, pero prudencia tamén”. Recordou que esta proba foi homenaxeada en moitas ocasións pola Federación Española de Automobilismo e este ano tamén fará que “Ourense se convirta na capital española do motor”.
O tenente de alcalde do Concello de Ourense, Jorge Pumar, quixo dar a noraboaa Escudería Ourense xa que “organizaron este rallye nun mes con todo o que pasou. Imos desfrutar desta fin de semana, xa que tendo profesionais e xente que ama o deporte, hai que apoialo”.
Ademais, quixo facer un chamamento ao público, “xa que é un evento seguro, pero hai que seguir as medidas de seguridade. Tamén porque hai que coidar o espazo natural e non tirar residuos”.
Fotos: Carlos G. Hervella.