A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha unha plataforma dixital que ofrece ás pequenas e medianas empresas (Pemes) interesadas diagnoses técnicas e personalizadas de cal é a súa situación e de como deben actuar ante o novo escenario económico que se abre coa saída do Reino Unido da Unión Europea. Unha situación que afecta de xeito especial á comarca de Valdeorras, xa que a gran parte da empresas ourensás que están a exportar a ese país son do sector da lousa.
Esta plataforma presentábase na mañá deste martes 26 de marzo por parte do director do Igape, Juan Cividanes. Con esta ferramenta, aseguraba, o tecido empresarial galego poderá coñecer o impacto real do Brexit na súa actividade diaria.
Cividanes destacou que o obxectivo desta iniciativa é contribuír a que as empresas poidan anticiparse e adoptar as medidas necesarias para converter un novo escenario económico nunha oportunidade. Ademais, a ferramenta permitirá planificar e elaborar plans de continxencia para mitigar os riscos derivados do Brexit.
A plataforma dixital, á que se accede a través do enderezo web https://www.brexitgalicia.com/register, facilita unha avaliación do impacto do posible novo contexto comercial ás empresas galegas en dous niveis, o da súa preparación actual ante do Brexit e o da súa dependencia comercial co país anglosaxón. A partir destes parámetros, a ferramenta analiza cada Peme en cinco dimensións clave: estratexia e modelo de negocio, fiscalidade e aduanas, marco legal, organización e persoas, e marco financeiro.
Ademais de proporcionar recomendacións específicas sobre cuestións clave en función da situación de cada Peme, este instrumento de apoio ao tecido empresarial galego amosa unha análise comparativa con respecto a outras empresas, así como indicacións globais para cada un dos sectores estratéxicos de Galicia.
Na súa intervención, Cividanes lembrou que xunto con esta páxina web, as empresas van dispor en Galicia dunha oficina na sede do Igape, que ofrecerá un servizo de consultoría para as compañías que soliciten información sobre o escenario económico do Brexit. Engadiu que nos vindeiros meses se vai poñer en marcha outra oficina emprazada en Londres que atenderá as necesidades do tecido empresarial galego asentado no Reino Unido.